Bisbarra, 16 de marzo do 2022 – Os problemas coas liñas de transporte metropolitano continúan e cando non son veciños os que se queixan son estudantes os que protestan polo horarios.
A queixa chega en esta ocasión de Negreira e Brión. O autobús metropolitano, empresa Monbús, deixou “tirados” na parada a corenta estudantes de estes concellos.
As Anpas e os equipos directivos dos Institutos de Brión e Negreira explican nunha nota de prensa o sucedido e mostran “o noso profundo descontento polo cambio no horario do transporte metropolitano entre Santiago e Negreira”.
Desde as directivas engaden que “logo de semanas agardando por unha solución, este venres 11 de marzo só se ofreceu un posible parche que non satisfai ós afectados”.
Problemas desde o comezo do ano
Según informan, dende o 24 de xaneiro, o servizo que Monbús viña prestando ás 7.30h da mañá adiantou a súa saída dende a Estación Intermodal ás 7.15. Según os afectados non houbo ningún tipo de información ós usuarios que, un luns pola mañá e por sorpresa, quedaron na parada agardando por un bus que xa pasara.
Arredor de 30 estudantes e docentes de Brión empregan acotío este servizo e preto dunha vintena máis de Negreira, ademais de persoas alleas á comunidade educativa.
Desde os colexios e as asociacións de nais e pais consultouse coa empresa para averiguar o motivo do cambio de horario. Explican que “as respostas foron ás veces contraditorias e resultaron ser falsas. Chegóusenos a dicir que dende o Instituto de Negreira se solicitara ese cambio para favorecer a entrada ó centro en hora das persoas que empregaban ese servizo, cando non houbera tal petición, que só respondía ás necesidades de axustar o horario para encaixar esa liña con outra, na que se estaban a producir retrasos”.
Esta razón para o cambio confirmouse este venres 11 de marzo, nunha reunión na Dirección Xeral de Mobilidade a petición da comunidade educativa de Brión.
Adaptarse á realidade
O cambio por motivos empresariais conleva consecuencias na vida real. A modificación horaria fai que o alumnado chegue ao Instituto de Brión co centro pechado e non hai lugar ningún nas inmediacións no que abrigarse en caso de mal tempo. A maioría dos días, a espera nesas condicións supera os 30 minutos.
As queixas realizadas desde os concellos, os centros educativos e as anpas non tiveron resposta nin explicación dende finais de xaneiro.
Na xuntanza do pasado día 11a Dirección Xeral de Mobilidade achegou como posible solución “falar coa consellería de Educación para que se abra o Instituto antes”, dado que non se considera viable retrasar a saída do bus dende Santiago máis alá das 7.23 minutos. Tamén ofreceron a posibilidade de negociar co concello de Brión a instalación dunha marquesiña nas inmediacións do centro.
Dende as anpas e as direccións dos Institutos de Brión e Negreira din que “non entendemos como se acordan cambios nun servizo tan sensible como o transporte sen pensar na peza fundamental: as persoas que o empregan, e máis, cando se trata de menores”.
Engaden que “este xeito de actuar casa moi mal co suposto interese por favorecer o uso dos servizos públicos para acadar unha mobilidade máis sostible ou coa presunta defensa de políticas para fixar poboación no rural”.