Teo, 11/07/2026 – A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras – Aldeas Limpas mantivo unha reunión coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, convocada polo propio Concello, para informar da presentación por parte de Excavaciones Midón S.L. dunha comunicación previa para executar diversas obras nos terreos onde pretende instalar a planta de tratamento de residuos.
O proceso administrativo de comunicación previa está legalmente contemplado e permite axilizar o comezo de obras sen esperar a unha autorización. A empresa conta con todos os permisos e con este trámite axiliza a posta en marcha dos traballos previos.
Segundo explicou o Goberno municipal á Plataforma de Cacheiras, estas actuacións corresponden a obras destinadas a cumprir parte das condicións necesarias para a futura instalación da planta, como a impermeabilización do solo, a recollida de augas pluviais e outras actuacións técnicas.
Ao tramitarse mediante comunicación previa a través da plataforma ECCOM, tanto a alcaldesa como o arquitecto municipal trasladaron que o Concello non dispón de potestade para impedir a súa execución nin sequera para emitir un informe municipal ao respecto.
Desde a Plataforma agradeceuse a convocatoria da reunión e a transparencia mostrada ao informar desta situación. Con todo, as persoas representantes da entidade volveron manifestar a súa preocupación por considerar que o Concello de Teo non está a esgotar todas as vías ao seu alcance para impedir a instalación dunha planta de residuos no medio das aldeas de Cacheiras.

O contexto
Dous son os principais problemas cos que se atopa a Plataforma de Cacheiras. O primeiro é que a planta quedará instalada dentro dos terreos da empresa, como máis de vinte anos de antigüidade en ese lugar. Terreos nos que este tipo de instalacións son legais.
Por outra banda moitas das vivendas da zona están fora de planeamento. Un limbo legas xa que se construíron antes dun Plan de Ordenación Urbana polo que teñen dereito a estar pero asumindo a lexislación sobre o lugar.
Si a empresa compre toda a normativa, en este caso de competencia autonómica, as administracións non poden negar o permiso ante o risco de caer en prevaricación; tanto si se concede un permiso ilegal como si se nega un legal ese sería o delito.
A Plataforma de Cacheiras reclama información
Durante o encontro tamén se abordou a situación dos acopios de materiais existentes nos terreos da empresa, entre eles asfalto triturado e entullos, sobre os que a Plataforma de Cacheiras presentara denuncias diante da Policía Local.
As persoas representantes da Plataforma interesáronse polo estado destas actuacións, ao non ter recibido información posterior. O Concello recoñeceu que esas denuncias aínda non foran trasladadas á Consellería de Medio Ambiente, comprometéndose a facelo durante a próxima semana.
A representación da Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras – Aldeas Limpas lembrou ao Goberno municipal que o Concello ten a posibilidade de acudir como interesado no expediente administrativo que actualmente tramita a Xunta de Galicia para autorizar a planta, unha opción que ata o momento non exerceu.
O concello como acudido
Representantes da Plataforma veciñal instaron á alcaldesa a que, se realmente comparte a preocupación expresada publicamente e afirma estar ao lado da veciñanza, o Concello debe participar activamente no procedemento, presentando as alegacións que considere oportunas en defensa do interese público.
Ante esta petición, a alcaldesa manifestou que estudarán a posibilidade de actuar como acudidos no expediente, aínda que expresou as súas dúbidas sobre a utilidade desta actuación ao afirmar que, na súa opinión, “non servía para nada”.
A Plataforma considera, pola contra, que todas as administracións teñen a responsabilidade de utilizar os instrumentos legais dos que dispoñen para defender os intereses da cidadanía. Por iso, agarda que o Concello de Teo dea finalmente ese paso e participe de forma activa nun procedemento que pode condicionar durante décadas a calidade de vida de centos de familias de Cacheiras.
Desde a Plataforma reiterouse tamén que continuarán empregando todas as vías legais, administrativas e sociais ao seu alcance para impedir que esta planta de residuos chegue a poñerse en funcionamento nun emprazamento que consideran absolutamente incompatible coa presenza de vivendas e coa calidade de vida da veciñanza.
