A nova edición de Santiago(é)Tapas presentou na casa do concello a campaña de prpomoción do concurso nas datas de Nadal. Co obxectivo de animar aos hostaleiros a participar repartiranse 65.000 manteis en bares e restaurantes,
A concelleira de Turismo, Miriam Louzao foi a encargada de presentar esta campaña de Santiago(é)Tapas; un concurso que se celebrará do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026.
Tamén participaron na rolda de prensa a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil. As tres estiveron acompañadas, ademais, por representantes das empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras do certame.



Ademais dos mencionados 65.000 manteis, colocaranse carteis en bares e restaurantes, converténdose nun soporte directo, visible e de gran impacto entre profesionais e clientela. A promoción complétase cunha campaña publicitaria en múltiples soportes e espazos urbanos e unha estratexia de comunicación nas redes sociais do concurso (Instagram, Facebook e X).
Louzao subliñou que “a gastronomía é un dos principais atractivos da nosa cidade, que aporta valor engadido, que amosa a nosa cultura a través da calidade dos nosos produtos e que fomenta a desestacionalización da demanda”.
Santiago(é)Tapas, que volve a celebrarse nunha época de baixo consumo, buscará impulsar a hostalaría e reforzar a oferta gastronómica da cidade nun formato que atrae tanto a público local como a visitante.

Un concurso máis técnico
A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, detallou algunhas das novidades desta edición. O principal cambio ten que ver coas categorías do concurso, que pasan a dividirse en tres principais, Tradicional, Creativa e Doce; mais cinco adicionais. Cada tapa poderá optar a un só premio principal das tres categorías, sen prexuízo de que poida gañar tamén un dos premios adicionais.
Destes últimos, tres xa se viñan outorgando nos últimos anos (Mellor Tapa en Maridaxe con Cervexa, Mellor Tapa en Maridaxe con Viño e Mellor Tapa sen Glute) e outros dous serán incorporados nesta edición: Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana e Mellor Tapa con ingrediente destacado con DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria de Galicia.




Santiago(é)Tapas márcase ademais o obxectivo de elevar aínda máis a calidade xeral das tapas do concurso, Turismo de Santiago decidiu introducir criterios máis específicos de valoración, que porán o foco no concepto de tapa e nas técnicas culinarias que se empregan nelas. Entenderase como tapa unha pequena porción de comida, elaborada para acompañar unha bebida, que non supere os 90 g. de peso na categoría tradicional e 75 g. nas outras categorías (creativa, doce e adicionais).
Tamén como novidade, o galardón na categoría Creativa pasará a chamarse Premio á Mellor Tapa Creativa ‘Deputación da Coruña’, e será a tapa que represente a Santiago no concurso ‘De tapas por Galicia’, organizado por Turismo de Galicia. Pola súa parte, o galardón na categoría Tradicional, pasará a denominarse Premio á Mellor Tapa Tradicional “Compostela Gastronómica”.
Inscricións
O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026. Aqueles locais de hostalaría que queiran inscribirse poden facelo xa e ata o 7 de xaneiro (incluído), a través do formulario online que atoparán tamén na páxina web santiagoetapas .
Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e o CIFP Compostela.
