Compostela, 1 de outubro do 2024 – O Pazo de Raxoi terá visitas guiadas despois de que o concello de Santiago acometa unha rehabilitación aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local.
As melloras levarán a accesibilidade a todo o edificio e mesmo permitirán que o ascensor chegue a todas as plantas. Na actualidade no vai máis aló da planta baixa e mesmo para entrar hai que subir tres chanzos.
O proxecto de rehabilitación para a adecuación do Pazo de Raxoi contará cun orzamento base de licitación de 3.925.061,75 euros que serán financiados co apoio dos fondos Next Generation EU e cun prazo de execución previsto de 12 meses.
A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, explicou que con este proxecto realizado preténdese “mellorar, restaurar e/ou renovar os sistemas de instalacións, especialmente os relacionados coa climatización e a iluminación, reducindo os consumos e facéndoos máis eficientes e respectuosos”
Outro dos obxectivos é “mellorar as condicións de uso, a funcionalidade e o atractivo dos espazos do Pazo de Raxoi de cara a mellorar os espazos de traballo e as condicións nas que se realizarán as visitas públicas”.
A obra afrontará a rehabilitación e acondicionamento nas plantas segunda e terceira do edificio e a restauración dos paramentos, das portas e dos elementos mobles da capela. Ademais, no marco destas obras tamén se levarán a cabo as “melloras de accesibilidade, cunha rampla de acceso e dun ascensor que percorrerá todo o edificio, desde o soto ata a terceira planta” co obxectivo de “ter una Casa do Concello máis achegada á veciñanza e ás persoas que nos visiten”.
Obras no rural
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación de tres novas obras na zona rural, por un importe total de 576.814,93, ao abeiro do plan único de concellos POS+ Adicional 2/2023.
Acordouse a adxudicación do contrato das obras de execución do proxecto de rexeneración do pavimento de calzada da Rúa do San Martiño (Aríns) por un importe de 340.420,00 € (base impoñible de 281.338,84 € máis IVE do 21% de 59.081,16), unha actuación que consiste na renovación dun viario municipal para a recuperación dun eixe vertebrador norte-sur que conecta parroquias ao este do termo municipal.
Tamén se deu luz verde a adxudicación do contrato para a execución das obras do proxecto do parque infantil no espazo socioeducativo de Rial no lugar de Reibó, na parroquia de Laraño, por un importe 122.375 euros (base impoñible de 101.136,36 € máis IVE do 21% de 21.238,64 €). Este proxecto ten por obxecto a implantación dun parque infantil na área onde se atopa o centro sociocultural e a escola de educación infantil do lugar de Rial na parroquia de Laraño e o acondicionamento dun espazo educativo de actividades agrícolas. Contará cun prazo de execución de 40 días.
Tamén adxudicouse o contrato para as obras do proxecto de ampliación da rede de saneamento na rúa do Coto dos Olmos, na parroquia de Bando, por un importe 114.019,93 € (base impoñible de 94.231,35 € máis IVE do 21% de 19.788,58 €). Con esta intervención dotarase á zona dunha rede de abastecemento de case un quilómetro e se reporá o pavimento nun prazo de estimado de catro meses.
Os tres proxectos encádranse nas fases 1ª e 2ª do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2023.