Unha imaxe do Camiño de Santiago (cedida pola USC)
Compostela, 05/07/2026 – A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións ven de premiar a tese do investigador Florian Weber polo traballo “In urbe Sancti Iacobi. La percepción y representación de la ciudad de Santiago de Compostela en la literatura de viajes románica de la Edad Media y Moderna”.
A Cátedra nace da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. Florian Weber, gañador do IX Premio de Investigación, é docente e investigador no Departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Kiel (Alemaña).
O xurado estivo formado polo catedrático de Historia da Arte da USC e director da Cátedra, Miguel Taín Guzmán; a catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e co directora da Cátedra, María José Azevedo Santos; e o director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e co director da Cátedra, Daniel C. Lorenzo Santos.
O traballo premiado reconstrúe cunha decidida perspectiva de longue durée a percepción e representación de Santiago de Compostela nas literaturas románicas desde a Idade Media ata a Ilustración.
Partindo dun enfoque primordialmente filolóxico-literario, analiza a experiencia subxectiva da cidade vivida por peregrinos e viaxeiros ao longo de seis séculos, así como as tendencias, técnicas e procedementos da súa transmisión e elaboración textual.
Para o xurado, isto supón unha novidade no ámbito da investigación sobre o Camiño de Santiago, predominantemente histórico-cultural, cuxos resultados son, non obstante, amplamente considerados e integrados.
Tal e como apunta a investigación, aínda que Compostela está certamente presente noutras tradicións literarias, como a novelística ou as cancións populares, descricións detalladas, con indicacións topográficas, foron producidas case exclusivamente pola literatura odepórica ou de viaxes. Así, o corpus componse de itinerarios e diarios de peregrinación, un poema, dúas crónicas nobiliarias e unha colección epistolar.
Moitos deles foron ata agora escasamente investigados, e menos de forma comparada. Cada análise precédese dunha contextualización filolóxica e histórica que ilumina tanto a configuración formal e lingüística, a xénese e transmisión, a recepción e, no seu caso, as edicións do texto, como a biografía, as circunstancias da viaxe, as rutas seguidas, a motivación, os intereses e as disposicións mentais do seu autor. Complementariamente, téñense en conta literaturas veciñas, especialmente a alemá e a inglesa, así como medios visuais pertinentes, como mappae mundi, planos urbanos e vedute de cidades.
A realidade experiencial articulada pola literatura odepórica compostelá estrutúrase, segundo sostén a tese, en tres períodos epistemolóxica e historicamente distintos, que remiten respectivamente a determinados formatos textuais ou obras de referencia fundamentais.
O primeiro período vén marcado polo Liber Sanch Jacobi (ca. 1140), que, na súa quinta parte, a famosa Guía do peregrino, describe as rutas tradicionais do Camiño de Santiago e ofrece a máis antiga e á vez moi extensa descriptio urbis. Continúan esta tradición os tipicamente sucintos itinerarios dos séculos XIV e XV, se ben prescinden case de descricións da cidad.
Un segundo período inaugúraa o diario de Jean de Tournai ( 1489), que combina particularidades topográficas cunha crecente hibridación de elementos sagrados e profanos.
Por último, Domenico Laffi (1673) inicia co seu amplo libro de viaxes unha fase de subxectivación, emocionalización e sensualización da experiencia peregrina que perdura ata finais do século XVIII.
Florian Weber
As liñas de investigación do autor premiado céntranse no Camiño de Santiago e Galicia, a literatura de viaxes e as teorías do espazo e a cidade, abarcando desde o Medioevo e o Século de Ouro ata o século XIX e a contemporaneidade.
É membro da Sociedade Xacobea Alemá e leva varios anos dedicándose á tradución literaria: tras o seu debut en 2021 coa novela histórica El señor de Bembibre (1844), de Enrique Gil y Carrasco, centrouse particularmente en autores galegos como Emilia Pardo Bazán, Manuel Rivas, Dores Tembrás, Xesús Fraga ou Estíbaliz Espinosa.
