Compostela, 2 de abril do 2018 – O Santiago Futsal segue loitando pola permanencia e demostra as ganas goleando a un Plásticos Romeu Cartaxena no Fontes do Sar por 8 a 1.
Adiantarse no marcador podía ser a clave do encontro, e non deixou pasar a oportunidade o Santiago Futsal. Catela, que foi un dos principais artífices do relato santiagués, anotou o primeiro da escuadra branca e da súa conta persoal. Nunha xogada con acento andaluz; Juanjo rematou ao segundo pau un balón desde a banda tras cabalgada de Zequi. Alex Diz sumouse á festa inaugurada co conxunto santiagués, co segundo gol aos dous minutos. Álex Verdejo combinou co de Lugo, e este anotou o 2-0 cun disparo cruzado desde a esquerda.
O arreón dos de Cartaxena por achegarse no marcador tivo o seu premio no 7′ co gol de José Carlos tras recuperación e enérxica saída á contra dos visitantes. Non se deixaron levar os galegos, facendo valer a súa superioridade no marcador, e anotaron o 3-1 con firma de Álex Verdejo. Outra manobra de compañeirismo, na que Everton cede o balón ao segundo pau a Álex Verdejo e este aparecese no segundo pau para pegarlle coa alma ao esférico e coalo ao fondo da rede. Non chegou o cuarto gol local a dous minutos do descanso nun lanzamento de dobre penalti lanzado por Catela que parou Raúl, pero si chegou nunha saída á contra entre Everton e Santi que o santiagués redondeou co 4-1. O quinto fíxose realidade no último minuto da primeira parte. O capitán Hugo Sánchez comezou unha carreira de mérito por banda e habilitou a Zequi ao centro da área para que este anotase o gol antes do tempo de recreo.
Xa no segundo acto, os papeis do encontro cambiaron. Os visitantes envorcáronse ao ataque en busca do gol que os achegase ao marcador, pero Thiago Soares liquidou, un tras outro, os balóns con perigo que se achegaban á meta local. Jesús probou ao brasileiro cun disparo desde a esquerda que repeleu sen maiores complicacións o cérbero branco. Tamén foi protagonista da segunda parte o meta visitante Raúl, que se tivo que retirar lesionado no minuto 24 tras golpearse no ombreiro nunha xogada illada. Catela volveu ver porta no 25′, asinando unha das accións máis espectaculares do partido: xogada individual polo centro da pista na que deixa atrás a dous defensores e senta ao porteiro visitante Marcao (que entrou en substitución do lesionado Raúl) para coar o balón ao fondo da rede. Só un minuto despois, o gaditano logrou o seu hat- trick ao subir o 7-1 ao luminoso con outra acción que levantou ao público dos seus asentos para eloxiar a xogada cun forte aplauso. Desde ese momento, o Santiago Futsal esmerouse na defensa do porteiro-xogador co que Plásticos Romeu Cartaxena tentou reducir distancias. Varias ocasións puideron terminar no gol visitante, pero Thiago Soares foi un muro que frustrou un tras outros os tiros visitantes. No 34′ Santi ampliou a conta e anotou o oitavo e definitivo tanto do Santiago Futsal. Unha saída en superioridade co porteiro-xogador visitante dirixida por Hugo e Zequi, culminouna o 19 santiagués co seu segundo tanto do encontro.
Sala de prensa
Santi Valladares analizou o encontro tras a súa conclusión do que dixo “Comenteino na previa e así se viu hoxe: saímos con sangue nos ollos. Gañamos facendo o que sabemos facer: roubando balóns e chegando ao segundo pau. Simplicidade, sinxeleza e eficacia. Algo que nos faltaba noutros partidos e que hoxe tivemos. O obxectivo da permanencia segue estando complicado, pero a vitoria de hoxe métenos aí.”
Ficha do partido
Santiago Futsal: Thiago, Alex Verdejo, Catela, Everton e Zequi – David Palmas, Armando, Hugo Sánchez, Alex Diz, Ismaely Sant.,
Plásticos Romeu Cartaxena: Raúl, Jesús, Juanpi, Drahovski e Ique -cinco inical- Attos, Rahali, Casas, Fernández, Marcao e Barón.
Incidencias: Partido correspondente á 26ª Xornada de Liga celebrado no Multiusos Fontes do Sar cunha entrada aproximada de 1655 persoas.
Árbitros: Blas Alonso e Munez Carpinteiro. Amoestaron con cartón amarelo a Alex Diz e Ismael por parte do Santiago Futsal; e a Ique, Marcao e Rahali.
Goles: 1-0 min.3 Catela, 2-0 min.5 Alex Diz, 2-1 min.7 José Carlos, 3-1 min.11 *Álex Verdejo, 4-1 min.19 Santi, 5-1 min.20 Zequi, 6-1 min.25 Catela, 7-1 min.26 Catela, 8-1 min.34 Santi.