Compostela, 14 de decembro do 2017 – Reparto de puntos en Peñíscola, cos porteiros como protagonistas, despois de que o Santiago Futsal fora o primeiro en poñerse por diante no encontro.
O punto colleitado en Peñíscola deixa ao Santiago Futsal na 14ª posición da táboa, un punto por encima dos postos de descenso, na conclusión da primeira volta do campionato doméstico.
Despois de facerse máis de 1000 km en autobús a noite do domingo, dous días despois de disputarse a 13ª xornada de Liga, os de Santiago saltaron á pista do Municipal de Peñíscola con todas as de gañar. Sabían da importancia dun encontro determinante para os seus intereses e saíron a por todas. Así foi como lograron poñer o 0-1 aos dous minutos do asubío inicial firma de Hugo Sánchez. E puideron ser máis, se non fóra pola gran actuación esta noite do porteiro local Molina e os xogadores locais que lograron salvar varias ocasións brancas sobre a liña de gol. A pesar de todo, no 14′ chegou o tanto de Terry.
Iago Varro tamén se sumou á lista de protagonistas do encontro, protagonizando grandes intervencións e salvando mans a mans ante xogadores azulones que puideron dar a volta ao partido. Cunha dinámica intensa, o encontro converteuse nunha loita de ocasións na que a sorte non sorriu a ningún dos dous conxuntos. Finalmente, resultado de 1-1 e valioso punto que serve aos intereses galegos para afastarse da zona de perigo.
O venres terá lugar a segunda cita semanal do Santiago Futsal, esta en o Fontes do Sar ás 20.45 h ante CA Osasuna Magna.
Sala de prensa
Santi Valladares analizou o encontro tras a súa conclusión do que dixo “Vimos un bo partido de fútbol sala, con dous equipos que tiveron ocasións e considero que o empate é xusto. Na primeira parte creo que fomos mellores que eles e tivemos ocasións moi claras, desas de libro. Pero en xeral, o empate foi xusto”.
Ficha do encontro:
Peñíscola RehabMedic: Molina, Iván Rumbo, Terry, Juan Emilio e Bagatini- cinco inicial- Esteban, Lucas Birlo, Míchel, Mauricinho, Rubén Orzáez e Carlinhos. Santiago Futsal: Iago Barro, Álex Verdejo, Hugo Sánchez, Álex Diz e Antonio Diz -cinco inicial- Santi, Zequi, Catela, David Palmas e *Álex Verdejo
Incidencias: Partido correspondente á 15ª Xornada de Liga celebrado no Municipal de Peñíscola.
Árbitros: García Doas e Moreno Millán. Amoestaron con cartón amarelo a Esteban e Bagatini por parte de Peñíscola RehabMedic; e a Antonio Diz por parte do Santiago Futsal; Goles: 0-1 min.2 Hugo Sánchez, 1-1 min.14 Terry.