Compostela, 15 de febreiro do 2021 – O pleno municipal de Santiago aprobou a compra do 31% das accións da empresa Uninova co que faise con control da empresa ao posuír o oitenta por cento do total.
Uninova (Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.) naceu impulsada pola USC e o concello de Santiago. A empresa ofrece asesoramento, aceleración e soporte á creación de iniciativas empresariais fortemente innovadoras. Empresas como Devalar , Dehistoria ou GMA naceron ao aveiro de Uninova.
A empresa Uninova xestiona ademáis o Edificio Emprendia, con máis de 3.000 m2 de espazos de incubación dispoñibles para empresas altamente innovadoras e un ecosistema completo de apoio ao emprendemento.
Expediente de crédito
O Pleno do Concello de Santiago, reunido en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade o expediente de crédito extraordinario por importe de 57.198 euros, co que adquire o 31% do capital social de Uninova. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que “pasa a configurarse como medio propio, unha sociedade instrumental do concello de Santiago. O obxectivo é facerlle encomendas de xestión sen necesidade de concurso público, e coa finalidade de que lle poidamos transferir a parcela necesaria para a construción do centro de biotecnoloxía no Polígono da Sionlla”.
Pasos necesarios
Bugallo explicou tamén a necesidade de esta decisión para por en marcha o polo biotecnolóxico da Sionlla “a subvención da 4 millóns de euros concedida pola Xunta de Galicia con cargo a Fondos europeos, para a construción do laboratorio ten unha data límite, que é o 22 de xuño de 2022. Nesa data o laboratorio debe estar construído e a obra certificada. Para que isto sexa posible, temos que dar moitos pasos”.
Concello e Universidade terán que constituír agora a nova sociedade de xestión na que participarán a través de Uninova; transmitirlle a parcela da Sionlla, licitar a construción do centro e adxudicala; realizar a obra e certificala. Todo antes de xuño.
Convenio para a xestión da estación de autobuses
Tamén saíu adiante, cos votos a favor dos Grupo Socialista, o Grupo Popular e Compostela Aberta e a abstención do BNG, o convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Santiago de Compostela, e a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, SA (TUSSA) para a ordenación da xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela.
Un convenio que explicou no pleno o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños. O obxecto do texto aprobado é “ordenar as relacións de carácter patrimonial entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Santiago de Compostela para garantir a xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela”.
Santiago pasaría así a xestionar a explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela por un prazo de 25 anos, que comezará a computar desde a data de subscrición da acta de posta en servizo da estación de autobuses.
O alcalde recoñeceu que “foi unha negociación complexa”, e recordou que Santiago é a única cidade onde a xestión é municipal. Explicou que había dous requisitos básicos que se puxeron enriba da mesa: que a concesión tiña que ser por 25 anos, ata o ano 2046, “e iso condicionou que tivera que ser demanial, xa que se fora de servizos o prazo tiña que ser de 8 anos”. O segundo tema era a garantía do equilibrio económico da explotación. O que se propuña, indicou “era unha revisión cada cinco anos, pero o primeiro ano, pensamos, había que facer unha primeira revisión e despois estabilizalo en 5 anos”. Tamén se revisou outra cláusula, subliñou, na que “parecía que TUSSA ía ter a concesión directa da Xunta e entendiamos que tiña que ser o concello”.