Compostela, 29 de novembro do 2022 – Artesana converteuse no absoluto gañador no XIV Santiago(é)Tapas con tres premios, os dous principais e un do público.
Artesana acadou o premio á mellor tapa creativa por “navalla”, o premio á mellor tapa tradicional por “queixo” e o premio do público á mellor tapa creativa por “navalla”.



Un éxito que o chef Álvaro Blanco agradeceu aos seu equipo e que dedicou a todos os cociñeiros participantes. Blanco lembrou o duro que foron os últimos tempos e incidiu en que, por circunstancias persoais, o participar no concurso foi un gran esforzo.
Unha gala perfecta
A gala organizada pola Asociación de Hostalería Compostela, presidida por Thor Rodriguez foi perfecta. Un evento áxil no que o publico sentíase a gusto e fartouse a aplaudir desde o primeiro momento.

Tvio lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e presentada pola xornalista Marga Pazos. Ao acto asistiron, entre outros, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; e outros membros da Corporación municipal, así como o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e unha nutrida representación da hostalaría compostelá.
Homenaxe

A Asociación Hostalaría Compostela aproveitou para render unha homenaxe a todas as profesionais do sector na cidade, especialmente aquelas que estaban en activo durante os anos oitenta e noventa cando non obtiñan ningún tipo de recoñecemento.
Para representar a este colectivo, a Asociación escolleu a
Carmen Iglesias (Val do Dubra, 1945) abriu o restaurante A Charca (Rúa do Franco, 32) no ano 1975. Leva á súas costas case 47 anos de traballo e aínda continúa como xubilada en activo.
Esclavitud Pose Corral (Val do Dubra, 1950), máis coñecida como Esclavita, montou o restaurante Los Caracoles (Rúa da Raíña, 25), xunto co seu marido Germán González (xa falecido) no ano 1986. Esta cociñeira non puido asistir á gala.
Matilde Rodríguez (Cangas de Narcea – Asturias, 1950) leva traballando no restaurante Don Quijote (Rúa das Galeras, 20) desde a súa apertura no ano 1979.
Máis de 24.000 tapas
Durante as dúas semanas e media que duraron os concursos repartíronse máis de 24.000 tapas e 2700 cócteles. En canto a votos do público, contabilizáronse 14.816 válidos.
As propostas gañadoras foron:
– Premio á Mellor Tapa na categoría creativa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 1.000 euros para ‘Navalla’ de ArteSana. Esta é a tapa que obtivo unha maior puntuación e, polo tanto, representará a Santiago no concurso ‘De tapas por Galicia’, que organiza Turismo de Galicia.
– Premio á Mellor Tapa na categoría tradicional Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 1.000 euros para ‘Queixo’ de ArteSana.
– Premio á Mellor Tapa maridada con viño Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 500 euros para ‘Polo rubio en ravioli de wonton’ da Bodeguilla de Santa Marta.
– Premio á Mellor Tapa maridada con cervexa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 500 euros para ‘Pan bao asado da feira’ de La Planta.
– Premio Tapa do Público na categoría tradicional Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 700 euros para ‘Taco pulled porco’ de Pedra.
– Premio Tapa do Público na categoría creativa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 700 euros para ‘Navalla’ de ArteSana.
– Premio á mellor tapa sen glute Santiago(é)Tapas 2022, dotado cun diploma e unha cesta de produtos sen glute para ‘Croquemol’ de Vilar 64.

– Primeiro premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado cunha cocteleira, un diploma e 500 euros para ‘Frida Kahlo’ do Pub Atlántico.
– Segundo premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado cunha cocteleira, un diploma e 400 euros para ‘Purple rain’ de O Sendeiro.
– Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional, dotado cun diploma e 600 euros para ‘Get back’ de Pub Atlántico.
– Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotado cun diploma e 600 euros para ‘Frida Kahlo’ de Pub Atlántico.

Ademais destes galardóns, os chefs dos locais que maior puntuación obtiveron no concurso recibiron como agasallo a chaqueta curta oficial de Santiago(é)Tapas. Estes foron: ArteSana Gastrobar, Bar Suso, Bodeguilla de Santa Marta, El Cartel de Mawey, La Planta, Madia Leva, O Sendeiro, Pedra, TS A Casa e Vilar 64.
O XIV Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago no que participaron 63 petiscos, é un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalería Compostela. O certame volveu a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía.
Tamén colaboraron nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa, Can Cat e Renfe.
O III Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostalería Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss, que nesta edición contou con 35 cócteles participantes.
