Compostela, 25 de setembro do 2023 – A Fundación Santiago Centro sorprendeu a toda a zona nova da cidade coa mostra de fotografía “O Ensanche retratado” que fotografou a veciños anónimos da zona.
“O Ensanche retratado” está enmarcada dentro do proxecto Compostela Photo, que conta co apoio do Xacobeo, do Concello de Santiago e da Fundación Santiago Centro. Á inauguración acudiron María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago; Fuco Reyes, presidente do Fotoforum Compostela; Javier Blanco Lado, comisario da exposición; e José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, Área Comercial.
“O Ensanche Retratado” consiste en 115 fotografías de gran formato que penduran desde inicios da semana nos farois dalgunhas das rúas máis transitadas. Nelas figuran retratos de medio corpo e en branco e negro da veciñanza da zona nova, realizadas no marco dunha das actividades paralelas do festival Compostela Photo, en colaboración co Fotoforum Compostela.
Trátase da obra de fotógrafos afeccionados que buscan, con estas imaxes, reforzar os vínculos entre os habitantes do barrio, os comerciantes e os visitantes. Estará exposta ata mediados do próximo mes de outubro nas rúas Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas, Montero Ríos, República do Salvador e Praza Roxa.
María Rozas dixo que se trataba “Dunha iniciativa moi interesante, axuda a xerar comunidade e a xerar barrio, e dígoo como concelleira de Comercio pero tamén como veciña do Ensanche”. José María Fernández, presidente de Santiago Centro, recordou que a asociación de comerciantes da zona nova compostelá “leva anos apostando por mesturar comercio con cultura, con Compostela Photo ou con Pasarte. É importante que na cidade pasen cousas e que a xente de fóra e de aquí teña razóns para visitármonos, non só pola zona vella. Sempre digo que o comercio ten que atraer xente á rúa para que despois entre no establecemento”.
Pola súa banda, Javier Blanco describiu O Ensanche retratado como “unha acción que complementa perfectamente a programación de Compostela Photo”, mostra da que é comisario e que cobre os portóns de 15 garaxes do barrio con imaxes de gran formato. Fuco Reyes, do Fotoforum Compostela, describiu como foi o proceso de captación das imaxes, realizado a finais de 2022. Máis de trinta fotógrafos afeccionados percorreron o Ensanche “pedíndolle á xente que atopaban, veciños, comerciantes ou turistas, permiso para facerlles un retrato. Esa é a primeira barreira que queriamos derrubar, a da vergoña a pedir autorización”.