A comunidade educativa do Terras de Xallas leva denunciando desde principio de curso os continuos retrasos e mesmo a falta de prazas no transporte escolar

Con cada novo curso contamos en Lindeiros os distintos problemas que teñen as comunidades escolares, cando non é falta de profesorado son as deficiencias dos edificios ou, como en esta ocasión o transporte escolar.
O PSdeG leva hoxe á Comisión de Educación do Parlamento de Galicia os problemas do transporte no Instituto de Educación Secundaria Terras de Xallas en Santa Comba.
Os socialistas denuncian no texto da pregunta a situación do transporte escolar no Terra de Xallas á que cualifican de “absolutamente insostible”. Desde o inicio do curso, a comunidade educativa vén denunciando retrasos continuos nos horarios, falta de prazas suficientes e incluso casos nos que alumnado tivo que quedar en terra ou viaxar de pé, algo que “resulta totalmente inaceptable nun servizo público esencial como este” explican os socialistas.
As liñas máis conflitivas son as de Parada e Portovilar, que presentan incidencias case diarias e afectan a mozas e mozos de diferentes parroquias como Vilamaior, Freixeiro, Fontecada, A Pereira, Alón, Ser, Santa Comba e Bazar, entre outras.
Esta situación provocou que a ANPA, as nais e pais, a comunidade educativa e representantes das forzas políticas municipais se concentraran nas inmediacións do instituto para esixir unha solución inmediata á Consellería de Educación.
O Psoe insiste en que “a falla de previsión e coordinación da Xunta de Galicia está a xerar un grave prexuízo ao alumnado e ás súas familias, que non poden ter garantido un transporte seguro e puntual para acudir ao centro educativo”.
O servizo de transporte escolar é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, polo que “resulta urxente adoptar medidas que aseguren un funcionamento axeitado e digno, especialmente nas zonas rurais, onde o acceso á educación depende directamente deste servizo”.
