Bisbarra, 13 de xaneiro do 2025 – O goberno socialista de Santa Comba declara que a situación do Servizo de Axuda ao Fogar, o SAF, atópase nunha situación límite e pide axuda á Xunta e ás demais institucións.

Santa Comba explica nunha nota de prensa as carencias que impiden o traballo normal do SAF. Son 90 familias que se ven gravemente afectadas debido ao alto grado de absentismo laboral, principalmente por baixas médicas das persoas que prestan o servizo.
Esta cuestión, xunto coa incapacidade das empresas privadas contratadas como reforzo para suplir as baixas, está causando unha situación límite para o consistorio de Santa Comba, que se ve incapaz de ofertar solucións.
A concelleira de Servizos Sociais, Estefania Calvelo, confirma que “a prioridade do concello de Santa Comba é ofertar un servizo que conte co máximo grado de eficacia e respecte en todo momento as necesidades e peticións das familias usuarias, pero nestes momentos vémonos imposibilitados para ofertalo debido á situación límite que nos deixa sen marxe para poder actuar sobre a xestión e contratación de persoal. Pese a contar con persoal propio, bolsa de traballo e empresa privada, enfrontar as necesidades cun grado tan alto de absentismo é imposible e deixa de depender de nós”.
Dende o Concello de Santa Comba reitérase con carácter de urxencia a petición de axuda a entidades como a Xunta de Galicia, para que asuma un servizo que está afogando os concellos. Tal e como defende a FEGAMP, o SAF debería de ser financiado pola Xunta de Galicia e o Goberno de España ao cento por centro, posto que trátase dunha competencia impropia dos municipios que ademais nestes momentos conta cun financiamento insuficiente, supoñendo unha carga económica moi elevada para calquera consistorio.