Santa Comba, 6 de xullo do 2020 – A Asociación Axio Mouro e o concello de Santa Comba recuperarán nos meses de xullo e agosto a Feira do Gaiteiro.
Según explican desde o concello A Feira do Gaiteiro é unha tradición xalleira que se iniciou durante a década dos anos 50, cando Xosé Ferrero, impulsor da primeira Banda de Música de Santa Comba, e outros persoeiros do concello impulsaron a creación dunha 3a feira mensual, a engadir ás 2 habituais instauradas no século XIX.
Esta terceira cita converteuse en algo máis lúdico na década dos anos 60 do século pasado “o día da Feira en Santa Comba duraba ata a noite, con ducias de tabernas tradicionais onde se servían callos, carne asada e polbo; o cine de Casimiro esgotaba as súas localidades; a Sala de Festas xuntaba a mocidade da contornos; e, en fin, a xente tiña ganas de troula ata a mañanciña do martes. Os días da feira eran o marco para as actuacións dos grandes artistas da época”.
A tradición foise esquecendo aínda que os maiores do concello a lembran con claridade. Agora a Asociación Cultural Axio Mouro e o Concello de Santa Comba recupérana durante as feiras de Xullo e agosto.