O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, resaltou no Pleno que o Concello é un dos da área de Santiago que máis fondos recibe da Deputación da Coruña.

O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, resaltou nun pleno extraordinario os case 400.000 euros que lle concede a Deputación correspondente o adicional 4/2025 do POS+, “o que converte ao noso concello nun dos que máis aportación recibe na comarca de Santiago. Outras administracións poderían tomar nota dos criterios obxectivos que aplica a Deputación da Coruña”..
Dos 399.992,44 euros que vai recibir Santa Comba neste plan adicional 4/2025, o Concello vai destinar a gasto corrente 267.997,07 euros e os 131.995,37 restantes destinaranse a executar catro proxectos de obras.
Romar engadiu que “A partida para gasto corrente vainos permitir reducir o período medio de pago e saldar antes as facturas cos provedores do Concello”, e destacou que o goberno segue fiel ao seu compromiso para que ao rematar esta lexislatura as facturas en Santa Comba “se paguen en tempo e forma”.
Respecto dos 131.995 euros que se reservan para a execución de investimentos financeiramente sostibles para executar catro proxectos que serán debatidos no pleno ordinario de novembro. Alberto Romar xa adiantou que “se van destinar a cumprir coa promesa que fixemos de aglomerar os núcleos de poboación das nosas parroquias”.
Durante o debate, o alcalde volveu resaltar a cantidade que a Deputación da Coruña reserva para o Concello de Santa Comba neste adicional ao Plan de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de Concellos) do POS+. “Utilizando criterios obxectivos como fai a Deputación vemos que o noso concello é un dos máis beneficiados da comarca de Santiago. Agardo que outras administracións utilicen tamén estes criterios e nos asignen os que realmente nos corresponde”, dixo.
Dende a oposición, María Pose indicou que se abstiñan na votación xa que o goberno non contara co PP para elixir os proxectos que se van executar. O punto aprobouse cos 7 votos a favor do equipo de goberno socialista e a abstención do PP.

Modificación de ordenanza da protección de camiños
O Pleno de Santa Comba tamén aprobou unha modificación da Ordenanza reguladora da protección de camiños municipais en relación coas operacións forestais, accesos ás fincas e conservación das mesmas, que afecta especialmente aos madeireiros.
A ordenanza aprobouse en 2017 e fora modificada en 2022. A intención do goberno local é “darlle un voto de confianza aos madeireiros, porque vemos que están cumprindo coa ordenanza. Con este cambio ímoslles permitir cortar tamén nos meses de decembro, xaneiro e febreiro en zonas onde os camiños e pistas non estean asfaltados”, asegurou Alberto Romar.
O alcalde fixo alusión a que se a comezos de lexislatura se sancionou a algún madeireiro por non cumprir coa ordenanza, dixo que agora si están depositando os avais, facendo as comunicacións previas e reparando os camiños.
“Queremos facilitar que as 20 empresas do sector poidan traballar tamén nos meses de inverno, vendo que están a cumprir coas súas obrigas”, explicou Alberto Romar, quen recoñeceu que “rectificar é de sabios e este goberno quere darlle un voto de confianza aos madeireiros para seguir avanzando todos xuntos”. Porén Romar insistiu en que a intención do goberno local “é facer cumprir as ordenanzas e normativas en vigor”.
O Partido Popular optou pola abstención neste punto e insistiu na necesidade de dialogar cos profesionais do sector.
A modificación foi aprobada con votos a favor do PSdeG (7) e abstención do PP. Agora será publicada no BOP e haberá 30 días para presentar alegacións, antes de que este cambio entre definitivamente en vigor.
