Santa Comba, 05/10/2026 – O Concello de Santa Comba impulsa a mellora de viarios nas parroquias de Cícere, Santa Sabiña, San Xoán de Grixoa, San Cristovo e Arantón cun importe máximo de licitación de 173.634,60 euros.
O proxecto, incluído no Plan Único (POS+) 2026 da Deputación da Coruña, permitirá acondicionar vías en oito lugares do municipio. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de outubro.


Os traballos abranguerán o núcleo de Mallón, Rebordelos, Barilongo, Os Fornos, Costa de San Bartolomé, San Cristovo, Arán e Vilar de Céltigos. O prazo previsto para completar as obras será de catro meses, a partir da contratación e da formalización da correspondente acta de replanteo.
Con esta actuación, o Concello de Santa Comba reforza o mantemento da rede viaria municipal e a mellora das infraestruturas nas parroquias. O investimento permitirá dar resposta a necesidades esquecidas durante anos nos núcleos rurais, acondicionando os viarios e facilitando os desprazamentos da veciñanza.

Da aprobación plenaria á licitación
A proposta foi aprobada polo pleno municipal en febreiro de 2026, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do grupo popular. A apertura do prazo de presentación de ofertas supón un novo paso para executar as intervencións previstas.
O Concello sitúa o coidado das infraestruturas do rural entre as súas prioridades, con actuacións destinadas a mellorar os desprazamentos cotiáns e as condicións de vida da veciñanza. A través deste proxecto, apoiado polo programa provincial, dá continuidade ao traballo de acondicionamento dos lugares do municipio.
