Santa Comba, 18/10/2026 – O Concello de Santa Comba, coa colaboración da Deputación da Coruña e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, organiza o sábado 31 de outubro o I Foro de debate sobre memoria democrática no rural. O Foro incluirá unha homenaxe a persoas represaliadas da comarca do Xallas.
Baixo o título “Do subsolo ás marxes: Santa Comba, moitas preguntas e algunhas respostas”, a xornada comezará ás 17.00 horas no auditorio do Edificio Multiusos e reunirá especialistas de distintos ámbitos para recuperar a memoria local a través da investigación e do diálogo coa veciñanza.
A apertura correrá a cargo do acto “O nome no fondo da pedra”, unha homenaxe cívica e de reparación ás persoas represaliadas de Santa Comba. Tras a presentación institucional das xornadas, dedicarase un espazo á recuperación da memoria histórica local, co obxectivo de devolverlles a identidade, a dignidade e o recoñecemento público ás veciñas e aos veciños silenciados.
A partir das 17.15 horas, o bloque “Fíos, filóns, xiz e marxes” dará paso a tres mesas de debate:
“Historias debaixo da terra: esperanza e represión desde a cor do wolfram na mina de Varilongo”, (17.15-18.00 h), con Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC, e Carmen Blanco Ramos, escritora xalleira e autora de “O wolframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963)”.
“O xiz e o horizonte: o maxisterio e a educación como sementes de liberdade e branco da represión” (18.15-19.00 h), con Xosé Vicenzo Freire, historiador e profesor, e Narciso de Gabriel, catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade da Coruña.
“Corpos nas marxes: mulleres e disidencias fronte á violencia estrutural do réxime e do rural (19.15-20.15 h), con Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e directora de PeriFéricas; Salma Turnes Ares, xornalista xalleira, e Daniela Ferrández Pérez, historiadora, investigadora e activista LGTB.
As dúas primeiras mesas estarán moderadas por José Manuel Vázquez Rodríguez, dinamizador turístico do Concello, e a terceira por Patricia Val Antelo, concelleira de Cultura. Ao remate de cada unha haberá quenda de preguntas abertas ao público.
Tras unha pausa de 20.15 a 20.45 horas, con petiscos e conversas compartidas, a xornada retomará o programa co bloque “Escribir o futuro con boa letra”. Ás 20.45 horas terá lugar a clausura institucional, coas conclusións e os agradecementos, seguida da proxección do filme Con buena letra, como proposta de reflexión colectiva
Un foro co horizonte posto na continuidade
A concelleira de Cultura, Patricia Val Antelo, destaca a vontade de consolidar esta iniciativa: “Queremos que esta primeira edición teña continuidade e que Santa Comba promova de maneira constante o diálogo sobre a memoria democrática, propiciando o encontro entre investigadoras e investigadores de renome e a cidadanía”.
Con este foro, o Concello de Santa Comba aposta por recuperar a memoria democrática local, recoñecer as persoas represaliadas e achegar a investigación á veciñanza, para comprender o pasado e transmitilo ás novas xeracións. A xornada está aberta a toda a cidadanía, convidada a coñecer e compartir as historias que forman parte da memoria do territorio.
