Bisbarra, 18 de marzo do 2024 – O concello de Santa Comba reclama máis financiación da Xunta de Galicia para o Servizo de Axuda a Domicilio, SAF.
O SAF é un dos servizos máis importantes e tamén dos que xeran máis problemas a todos os concellos. Non hai moito Compostela impoñía unha sanción de 20.000€ á empresa concesionaria por distintas denuncias dos usuarios. A oposición da Estrada tamén alertaba sobre as deficiencias; o tribunal de licitación era suspendido non hai tanto en Touro; en Ames o Tribunal Administrativo de Contratación Pública cambiaba hai un ano a adxudicación do concello… problemas de todo tipo nun dos servizos máis demandados.
Moitos de eses problemas aparecen polos custos do SAF, enormes para os concellos pequenos que ven como a Xunta non aumenta a partida todo o que sería necesario. Santa Comba é un de eses concellos que ven solicitando ó longo destes meses varias reunións coa Xunta de Galicia e coa Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para instar á administración autonómica a un incremento da financiación do servizo.
Dende a corporación, consideran que este servizo “trátase dunha competencia que a Xunta traslada ós concellos e cremos que dende fai anos afoga fundamentalmente ós municipios máis pequenos”.
O custe do servizo é cada vez máis elevado, xa que o prezo por hora foise incrementando co paso do tempo e a Xunta só asume unha parte do financiamento, incrementando a súa aportación dos 9,7€/h a 12 €/h, tras un acordo coa FEGAMP en 2021.
Desde o concello de Santa Comba din que “urxe unha solución, xa que a situación é inasumible. No 2023, o custo para o Concello superou os 800.000€ e comprometendo un 13,7% do presuposto de persoal, que resulta insuficiente, tendo que recorrer a unha empresa externa”.
Unhas cifras que só van en aumento e que trasladan este problema estrutural e de financiación ós municipios “a Xunta debe dar resposta para que se poida atender as listas de espera do servizo”.