Bisbarra, 26 de setembro do 2023 – Santa Comba acollerá o 21 de outubro o tradicional acto do Día da Muller Rural que a Deputación, en colaboración con Fademur Galicia, organiza cada ano.

O presidente da Deputación, Valentín González, visitou este luns o concello de Santa Comba e foi recibido polo alcalde, Alberto Romar. Estivo acompañado polas deputadas de Politica Social e Educación, Mar García Vidal, e de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e de varias concelleiras e concelleiros do goberno municipal.
Formoso e Romar participaron nun encontro coa asociación de mulleres rurais Céltigas ás que anunciaron que Santa Comba será este ano o concello anfitrión da celebración do Día da Muller Rural, un acto co que a Deputación da Coruña pretende “facer visible e recoñecer públicamente a importante papel das mulleres no rural galego”, explicou o presidente.
Formoso remarcou que se trata dun evento “reivindicativo e festivo, que cada reúne a centos de mulleres do rural de toda a provincia, no que facemos unha homenaxe á traxectoria daquelas mulleres e entidades que destacan polo seu compromiso co rural, a súa aposta pola cultura, a igualdade ou a posta en valor dos produtos autótoctonos de Galicia” e sinalou que “ningún lugar mellor que Santa Comba para celebralo pola tradición agrograndeira do municipio e desta comarca, na que se concentran o maior número de explotacións da provincia”.

O alcalde Alberto Romar agradeceu que a Deputación elixira Santa Comba para conmemorar o Día da Muller Rural 2023 e subliñou o importante papel que, ao longo da historia, veñen desenvolvendo as mulleres de Santa Comba na economía familiar e na dinamización do rural.
Romar avanzou que o Concello de Santa Comba porá ao dispor da Deputación o Recinto Feiral do municipio para acoller o evento, que contará tamén con conferencias e mesas redondas sobre a contribución feminina ao desenvolvemento do rural e un xantar popular amenizado con música.
O presidente e o alcalde visitaron tamén a capela da virxe da Merced, rehabilitada pola asociación de mulleres coa colaboración da veciñanza e interesáronse polas distintas actividades e proxectos que desenvolve a entidade.
