As empresas interesadas teñen ata o 6 de xuño para presentar ofertas a unha obra que ten un orzamento previsto de 1,3 millóns de euros.

A reforma integral do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba foi unha das demandas en educación que regularmente aparecían en medios ao longo dos últimos anos. A Xunta por fin comprometíase en xuño do ano pasado pero é agora cando se licita o proxecto.
A Delegada do organismo autonómico, Belén do Campo, visitou o Barrié de la Maza a pasada semana acompañada do director territorial de la Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana. Este centro atende a 416 alumnos, 119 en Educación Infantil y 297 en Educación Primaria.
Durante a visita anunciou a licitación da reforma integral que disporá dun investimento de 1,3 M€. As empresas teñen até o 6 de xuño para presentar as súas ofertas e “unha vez seleccionada, adxudicarase canto antes”.
As obras no Barrié de la Maza teñen prevista unha duración aproximada de nove meses. O obxectivo principal da intervención é incrementar o confort térmico e a practicidade das instalacións. Ademais, espérase que estas reformas contribúan á mellora da eficiencia enerxética dos edificios, reducindo así o consumo.
Belén do Campo subliñou que o Goberno galego continuará actuando en función das necesidades dos centros, tendo en conta que en Galicia hai máis de 1.600 edificios cunha antigüidade media de 40 anos. Lembrou ademais que esta reforma entra dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
NO Barrié de la Maza cambiarase a cuberta actual, de chapa simple, por unha de panel sándwich de 30 mm. de espesor mellorando o illamento. Substituiranse os canlóns interiores e as baixantes mellorarase o illamento térmico colocando, sobre o forxado do baixo-cuberta, un illamento de la de roca de 10cm de espesor.
A obra tamén contempla o cambio da carpintaría exterior de todo o edificio por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica, dotada de vidros de dobre folla e persiana ao exterior para illar térmicamente, evitar o soleamento excesivo e permitir o escurecemento das aulas, acabada en anodizado natural (gris).
Outra das intervencións no Barrié de la Maza consistirá na aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) sobre as fachadas con placas de 8 cm. de espesor e acabado en cor branca. Con esta actuación lógranse reducir os valores da transmisión térmica do cerramento nun 80%.
Acústica – Iluminación
Ademais, actuarase colocando falsos teitos absorbentes para garantir o confort acústico de todos os locais interiores, ao mesmo tempo que se instalan novos equipos de iluminación encaixados de tipo led para conseguir os niveis e parámetros de iluminación que marca a normativa nos distintos espazos.
Nas zonas de circulación e aseos instalaranse detectores de presenza. Coa mellora da iluminación lograse rebaixar substancialmente o consumo de electricidade. Finalmente tamén está previsto o pintado do interior do colexio para conseguir un aspecto adecuado en todo o centro.