Bisbarra, 7 de novembro do 2023 – O concello de Santa Comba acollerá por segundo ano a Ruta Xallas TT que organiza xunto ao Moto Club Xallas TT.

O percorrido da II Ruta Xallas TT comezará o sábado ás 9:00 da mañá cando os participantes se reúnan na Praza fronte á Casa da Cultura para a recollida de dorsais. Despois os máis de 200 inscritos tomarán rumbo a Radufe e percorrerán contornas como o Monte de San Salvador e a Mina de Varilongo para pasar tamén polos concellos de Coristanco e Zas.
Será en Zas onde farán unha parada para xantar antes de volver ao concello de Santa Comba onde pola tarde-noite desfrutarán dunha cea e actuación musical.
O presidente do club, Rafael González, agradece a colaboración dos numerosos patrocinadores e dos concellos, amosándose “moi ilusionado pola acollida da actividade, que pasando dos 167 inscritos na edición anterior aos 234 da presente, garante a súa continuidade e a calidade da xornada”.
Pola súa banda, Alberto Romar, alcalde de Santa Comba, quere destacar a importancia da iniciativa polo que representa para os amantes do motor pero, sobre todo, quere agradecer a labor do club que “leva traballando meses na organización, o que implicou unha labor importantísima de limpeza e preparación de varias zonas polas que pasará a ruta, feito que demostra seriedade na procura da seguridade e a calidade e tamén unha implicación admirable co noso concello. Por esas razóns, dende o equipo de goberno queremos transmitir o noso agradecemento máis sincero”.
Esta iniciativa, coa que o concello xalleiro colabora, enmárcase na xa citada vontade de Alberto Romar e o seu equipo por recuperar a dinamización dos deportes de motor.