Santa Comba, 09/07/2026 – O Concello de Santa Comba abre as inscricións para participar nas actividades de Santa Comba Astronómica 2026, que se celebrará o mércores 12 de agosto no Monte de San Bartolomeu.
A iniciativa permitirá seguir desde este enclave o eclipse solar e a choiva de estrelas das Perseidas a través de observacións guiadas, nunha programación que se estenderá desde as 17.30 horas ata ben entrada a noite.
A xornada comezará en Santa Comba ás 17.30 horas co obradoiro familiar Movendo estrelas, unha proposta con prazas limitadas que require inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse a través dun formulario, nesta ligazón.
Ás 19.00 horas dará comezo a observación guiada do eclipse solar. A actividade contará con gafas homologadas para poder seguir o fenómeno de maneira segura e o acceso estará condicionado á inscrición previa ata completar a capacidade dispoñible. As reservas poden realizarse na plataforma de reservas habilitada polo Concello.
A programación continuará ás 21.00 horas co concerto de Monoulious DOP. A música dará paso, ás 22.15 horas, a un momento de encontro arredor dun chocolate con rosca para todas as persoas asistentes.
Ás 23.00 horas comezará a observación guiada da Noite das Perseidas, que permitirá achegarse a un dos fenómenos astronómicos máis populares do verán coa orientación de persoal experto. O acceso tamén require inscrición previa ata completar capacidade, a través da mesma plataforma municipal de reservas.

Un observatorio natural no Monte de San Bartolomeu
Santa Comba Astronómica nace coa vontade de aproveitar as condicións do Monte de San Bartolomeu como espazo para achegar a astronomía á cidadanía e ofrecer unha experiencia arredor dos fenómenos que marcarán o ceo do 12 de agosto.
A coincidencia do eclipse solar coa Noite das Perseidas converte a xornada nunha oportunidade singular para observar dous grandes fenómenos astronómicos nun mesmo día. O programa incorpora ademais propostas familiares e música en directo, ampliando a experiencia máis alá das propias observacións.
A actividade está organizada polo Concello de Santa Comba coa colaboración da Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Universidade de Santiago de Compostela, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller e Terras de Santiago.
