Xunto ao San Martiño, as carrozas de San Cidre, no concello de Boqueixón, e outra das festas da bisbarra que se suma ás 138 que teñen en Galicia esta consideración.

Dúas celebracións máis da bisbarra de Compostela acadan o nomeamento como Festas de Interese Turístico de Galicia. A Feira do San Martiño de Francos, en Teo e as Carrozas de San Cidre en Boqueixón foron recoñecidas con esta distinción no Consello da Xunta de onte luns,
A Feira tradicional dos Remedios (Ponteareas) e a Semana Santa do Carballiño obtiveron tamén a declaración polo que Galicia conta xa con 142 festas de Interese Turístico. Na declaración de cada evento valoráronse a creatividade e innovación da celebración dos eventos; o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos, e o adecuado coidado do contorno ou a afluencia de visitantes, entre outros.
En abril, o Consello de Turismo, órgano de asesoramento na materia, informou favorablemente sobre estas celebracións. A festa das Carrozas de San Cidre, en Boqueixón, celébrase o primeiro domingo despois do 15 de maio, ou o mesmo 15 se cadra ese día. Con medio século de historia, busca poñer en valor os traballos tradicionais do agro ao construír as carrozas de xeito artesanal, con materiais reciclados e do propio campo.
Desde modo, tamén quere contribuír á difusión de antigos oficios. A gastronomía vinculada a estas tarefas constitúe outro dos elementos centrais da celebración. A Feira Cabalar de San Martiño de Francos, en Teo, celébrase cada 11 de novembro. A súa orixe remóntase ao ano 1557, o que dá conta da súa capacidade de supervivencia ao longo do tempo.
Especializada en gando equino, hoxe en día é unha das citas principais neste sector, con compravenda de cabalos, maquinaria agrícola, artesanía, téxtiles e complementos relacionados coa práctica equina e os produtos da terra de outono.
A feira desenvólvese nunha carballeira de gran riqueza, situada no Camiño Portugués. Unha vez aprobadas hoxe no Consello da Xunta, a declaración de cada unha das festas publicarase no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas.