Cerca do recoñecido e admirado mosteiro de Sobrado dos Monxes atópase un lugar máxico e esquecido chamado San Antoiño de Toques.
Alá polo século VII existía unha capela ao carón dunha pena e no medio dun dos montes lindeiros coa Serra do Careón. No 1067 o Rei García doa ao Abade Tanoi o Coto do Meire, situado según as crónicas escritas “nun lugar de fervenzas e din Tocas, á beira do río Flamosino, baixo o monte Maura Morta”; unha frase diga do mellor Tolkien e onde hoxe se sitúa San Antoiño de Toques.
O mosteiro beneditino fundado polo mencionado abade Tanoi pasa no 1515 a depender do de san Martín Pinario en Santiago e pasa de abadía a priorado. Coa desamortización do ano 1835 cesa a actividade e convértese na parroquia de Santa María da Capela.
O seu patrimonio estendeuse por todo o centro de Galicia e recibía beneficios de moitas igrexas da comarca. Chegou a recadar 1186 ferrados de centeo e 115 de trigo, e exitía a obriga de prantar dous carballos por ano na súa fraga.
O xiro máis sorprendente chegará no 1900 cando as dependencias do mosteiro son compradas para instalar unha fábrica de puntas. A produción levábase en burros ata a costa e desde alí en barco ata Asturias. O balandro Joaquín Vieta, co que fixemos unha reportaxe no mes de agosto, era un dos encargados de acercar estas puntas ata Vigo desde onde partían para o norte peninsular.
Un patrimonio único
San Antoiño de Toques atesoura un patrimonio arquitectónico e mural único que merece ser coñecido. Un dos seus abades, Lope Rodríguez, no século XV encargou a defensa do lugar a Lope Sánchez de Ulloa, señor do Castelo de Pambre. Este cabaleiro puido ser o que costeara as pinturas murais do interior da igrexa xa que o seu escudo figura nelas.
Ademais de eses espectaculares murais, a edificación ofrécemos distintos capiteis, rosetas e columnas ricamente esculpidas e distintas imaxes policromadas.
E por si todo o dito non chegara para que o lector estea xa buscando data para acudir queda a contorna na que atopar fervenzas como a de Brañas, dolmens como o de Forno dos Mouros, con pinturas no seu interior, ou castros como o de Armada.
O concello no que se sitúa San Antoiño, Toques, ten ademais o corenta por cento do territorio en Rede Natura. Entre a fauna que podemos atopar esta desde hai pouco tempo a cegoña branca, en verán e outono o sisón, avetardas, aguias, falcóns peregrinos aos que engadir corzos, lembres, xabarís e lobos.
Información útil
San Antoiño de Toques GPS 42.978336, -7.983053
Google maps https://goo.gl/maps/r6w32VKKMZVEoK1T6
Tlfno. concello de Toques: 981505826