Ames, 20 de outubro do 2021 – O concello de Ames retoma a actividade nas bibliotecas coa presentación dun libro sobre emerxencia climática.
Os “Encontros Literarios en Ames” acercarán á vila a Salvador Lladó para falar de “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”, A cita este xoves, 21 de outubro, ás 20:00 no Pazo da Peregrina.
Os encontros literarios, terán lugar cada dous xoves e enmárcanse no Programa de Animación á Lectura da Biblioteca Municipal de Ames, dirixido a público adulto. A entrada é libre e gratuíta até completar aforo. Para este trimestre está prevista a presenza de Emma Pedreira, Alfredo Conde e Xosé Luis Santos Cabanas.
Emerxencia climática
A primeira sesión celebrarase o 21 de outubro. Estará protagonizado por Salvador Lladó e o seu estudo “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”, publicado por Catro Ventos Editora.
Salvador é doutor en microbioloxía ambiental e biotecnoloxía pola Universidade de Barcelona e nesta obra presenta, dunha forma clara, didáctica e amena, diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central que sitúa na necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico, até o principal síntoma, a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19, e toda unha serie de propostas políticas (ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento…) que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes.
A presentación de Salvador Lladó será telemática. O autor estará en Catalunya, namentres que no pazo da Peregrina estarán os seus acompañantes: O profesor amesán Manuel Casal, prologuista da obra que é un dos referentes galegos no movemento polo decrecemento, autor de varios blogs e artigos sobre a materia, colaborador de El Salto Diario e editor da Revista 15/15/15, referente estatal das propostas decrecentistas, e Patricia Buxán, tradutora e editora de Catro Ventos, unha editorial especializada en temas relacionados co medio ambiente, a economía social e a educación. Estarán tamén presentes a concelleira de Cultura, Natividade González e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.
