Compostela, 6 de marzo do 2019 – A Xunta de Galicia ven de licitar, por 10,4 millóns de euros, os oito contratos de mantemento para os Camiños de Santiago que teñen unha vixencia de dous anos.
O investimento propiciará actuacións de control permanente para detectar as distintas necesidades existentes nos Camiños de Santiago. Atenderanse as posibles incidencias que xurdan, danos ocasionais derivados de factores externos como a climatoloxía, ademais de atender a súa conservación ordinaria. Abarca, polo tanto, operacións de supervisión, así como correctivas, programadas e ocasionais, seguimento e control, operacións sistemáticas normativas, tarefas preventivas, ou actuacións de limpeza ou sega, entre outras.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o martes 9 de abril para presentar as súas propostas, tanto por correo certificado ou no rexistro da Axencia Turismo de Galicia. Toda a información sobre a licitación destes contratos de mantemento está dispoñible en https://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=242&OR=242.
