A Estrada, 23 de xuño do 2022 – Hai uns días era presentada a edición 2022 da Rapa das bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2007.

A Rapa celebrarase do 30 de xuño próximo ao 4 de xullo e conta xa con máis de trinta medios acreditados. Como é habitual os xornalistas proceden de países como Corea do Sur, China, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Portugal e España.
A Rapa das Bestas de Sabucedo 2022 recupera a súa normalidade despois de dous anos atípicos por mor da pandemia, xa que en 2020 non se puideron rapar as bestas no curro e en 2021 a data de celebración cambiouse da primeira fin de semana de xullo para finais do mes de agosto.
Paulo Vicente Monteagudo, presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, explicábanos o ano pasado as dificultades da organización en este artigo. No transcurso da presentación agradeceu a colaboración de todas as administracións públicas e de patrocinadores como Estrella Galicia: “Forma parte da esencia de Sabucedo que despois de traballar hai que divertirse e é fundamental o que está a facer Estrella Galicia para que o rollo festeiro continúe en Galicia”.

Do 30 de xuño ao 4 de xullo
En canto á programación de actividades, a Rapa 2022 comezará o venres 30 de xuño ás 21.30 coa décimo primeira edición da Gala na honra dos Aloitadores e o venres 1 de xullo ás 7.00 horas sairase cara ao monte na procura das bestas.
As citas de maior interese son os curros do sábado 2 de xullo ás 19.00 horas e do domingo 3 e o luns 4 ás 12.00 horas, para os que aínda se poden mercar entradas a través da páxina web.

Ademais de visitas turísticas guiadas pola parroquia e de exposicións permanentes, a dinamización da fin de semana chegará cunha nova edición do festival RapaSons, que inclúe unha quincena de actividades musicais entre as que destacan grupos como Treixadura, O caimán do río Tea, Combo Calada ou Zënzar.
Calleja na Rapa
Este ano a Rapa terá un invitado especial xa que o aventureiro e presentador de televisión Jesús Calleja grabará un capitulo do seu programa “Volando voy” ao longo da fin de semana. Non foi un acordo doado xa que a Asociación puxo condicións moi concretas para o progrma e deste xeito o helicóptero que, en certo modo, da nome ao programa non será usado mentres dure a recollida das bestas no monte o venres e o sábado.

O recinto do curro acollerá o luns a gravación do programa no que participaran veciños da aldea e proxectaranse as distintas tomas realizadas na fin de semana. A produtora xa traballa desde hai días na contorna de Sabucedo preparando todo o necesario.