Bisbarra, 28 de maio do 2024 – O vindeiro sábado 8 de xuño está convocada en Sabucedo unha andaina de protesta pola a “nova avalancha de macro proxectos eólicos en Terra de Montes e arredores”.
A protesta está convocada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo. O obxectivo, expplican, é “defender a última serra do interior da provincia de Pontevedra sen colonizar pola industria eólica”.
Os participantes na andaina partirán ás 9.30 horas do teleclub de Sabucedo cara O Peón, lugar no que se xuntan as bestas para a Rapa, onde se dará lectura a un manifesto para “reivindicar a conservación destes montes, fogar das bestas e de tantas outras especies de fauna e flora”.
A organización desta andaina, que conta coa participación do Concello da Estrada, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Concello de Campo Lameiro, prevé realizar un percorrido sinxelo, de nove quilómetros, que permitirá retornar á aldea de Sabucedo arredor das 14.00 horas.
Desde hai tempo a preocupación polo ecosistema no que viven as bestas é cada vez maior. Son varios os macro proxectos eólicos que teñen solicitada a instalación. A última medida pola que se loita é a declaración da Rapa como Ben de Interese Cultural o que daría unha maior protección a unha festa declarada de Interese Turístico Internacional.