Compostela, 13/07/2026 – “Sabor a novo” ofrecerá a oportunidade de visitar o Pazo de San Lourenzo, unha posibilidade que terá ademais actividades de distintos tipos ao longo dos vindeiros días 18 e 19.
Nado como mosteiro en 1216, sufriu distintas reformas ao longo da súa vida ata nosos días. O Pazo de San Lourenzo é un de eses sitios que se deben visitar si hai unha oportunidade. Unha razón de peso para non faltar a “Sabor a novo” a vindeira fin de semana.
O Concello, a través das áreas de Promoción Económica e de Turismo, patrocina este evento a cargo da taxa turística. A iniciativa regresa para falar de historia e de cultura tradicional e amosar as pezas e produtos da nova creatividade galega a través de obradoiros, xogos, visitas teatralizadas, música e gastronomía en dúas xornadas de entrada libre e gratuíta entre as 11.00 e as 21.00 horas.

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, a responsable de eventos do Pazo de San Lourenzo, Tamara Iglesias, e a directora da iniciativa, Mónica Mejías, deron conta de “Sabor a novo”.
Míriam Louzao destacou o “espazo extraordinario” no que se localiza esta proposta, o Pazo de San Lourenzo, e que convida a “descubrir outro Santiago, máis alá da améndoa histórica”. Animou así a veciñas, veciños e visitantes a gozar desta “proposta que une gastronomía, patrimonio, cultura, comercio e talento local para ofrecer unha experiencia diferente”.
A responsable municipal de Turismo apuntou tamén que xullo é un mes que o sector indica que baixa a actividade respecto aos outros meses de verán, polo que o Concello está a apoiar propostas coma esta, así coma os Xogos do Eixo Atlántico que se desenvolven esta semana ou o espectáculo de videomapping que se proxectará no Obradoiro nas Festas do Apóstolo.

Pola súa parte, Tamara Iglesias afirmou que “é un orgullo formar parte desta iniciativa que pon en valor a nosa artesanía, cultura e patrimonio” e puxo en foco na oportunidade de descubrir o pazo, percorrer os seus xardíns, claustro, salóns e igrexa, así como de gozar da proposta gastronómica deseñada para estas dúas xornadas.
Mónica Mejías dixo que é “unha inmensa alegría” presentar esta nova edición da iniciativa e agradeceu o apoio institucional. “Sabor a Novo intenta ser unha festa de integración entre a poboación local e visitantes”, engadiu e convidou a gozar das visitas xa sexan por libre ou guiadas.
Haberá tamén un pequeno tren con percorridos circulares do centro de Santiago ao pazo en horario de mañá e de tarde para facilitar o desprazamento tanto o sábado coma o domingo.
A iniciativa Sabor a Novo parte da empresa Correvaidille e está patrocinada polo Concello a través das áreas de Promoción Económica e de Turismo coa recadación do imposto ás estadías turísticas, e a Xunta de Galicia a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Conta ademais coa colaboración do Pazo de San Lourenzo, que abrirá a súas portas durante toda a fin de semana para amosar a calidade da súa cociña, e a singularidade do seus históricos espazos, incluídos como Ben de Interese Cultural e Patrimonio Artístico Nacional, e situados no corazón de exuberantes xardíns murados.
O evento contará cunha feira na que comercios, obradoiros artesanais, persoas creadoras, artistas, emprendedoras e produtoras de Galicia poden aínda solicitar praza para exhibir e vender as súas pezas e produtos e reforzar así a visibilidade da nosa produción local, e un amplo programa lúdico e cultural de balde.
Actividades
A iniciativa contará con actividades como as visitas guiadas teatralizadas do guía Suso Martínez como o Conde de Altamira, encontros e paseos con personaxes históricas vinculadas ao pazo como Rosalía de Castro ou a Orde Franciscana nun traballo actoral realizado por Os Quinquilláns ou obradoiros de cultura tradicional a cargo de Montse Rivera, Belem Tajes, Mercedes Prieto e Ramón Dopico.
“Sabor a novo” contará tamén cun barco de madeira como atracción infantil e variados xogos de enxeño que divertirán á cativada, ademais dun interesante xogo de pistas, probas e enigmas para todo os públicos que dará a oportunidade aos visitantes de poñer a proba os seus coñecementos sobre o histórico espazo que xa acolleu, ao longo da súa dilatada historia, os paseos de Rosalía de Castro buscando inspiración para Follas Novas no século XIX, as vacacións do emperador Carlos I de España e V de Alemaña no século XVI, ou o retiro de Martín Arias, bispo de Zamora, no século XIII.
O itinerario a pé ata o pazo é un breve e ameno paseo de apenas dez minutos dende o Ensanche ou o casco histórico pero, como atracción e divertimento, será posible realizar o percorrido nun pequeno tren programado especificamente para levar ao público ata a carballeira de San Lourenzo e visitar así Sabor a Novo.
A entrada ao evento é de balde e dará a oportunidade ás persoas visitantes de coñecer de forma libre ou guiada os formidables salóns e os espectaculares xardíns do pazo nunha festa de proximidade e integración dirixida á cidadanía e ás persoas turistas, abrindo un espazo de singular fermosura e alto valor patrimonial nunhas xornadas lúdica e á vez divulgativas, culturais e dinamizadoras do comercio local
