Na maioría dos conflitos laborais entre traballadores e empresas a cuestión de fondo son os cartos. Pode ser polo que se debe, se se trata dun despido; pode ser polo que se quere pagar, se é unha negociación; pero o diñeiro aparece por un u outro lado.
As Relacións de Postos de Traballo dos concellos son unha ferramenta fundamental para a organización do, valga a redundancia, o traballo. Compostela tivo unha hai dez anos pero as reclamacións nos xulgados a deixaron cunha ferida que agora se quere reparar.
O martes 26 de xaneiro do 2016 o concello de Santiago publicaba no Boletín Oficial da Provincia (https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2016/01/26/2016_0000000319.pdf) a primeira Relación de Postos de Traballo, RPT, do concello.
Como se vería pouco tempo despois a RPT tiña un defecto que impediría a súa aplicación. A relación asignaba aos postos de traballo unha serie de puntos que non se traducían en cartos, en soldos a cobrar polos que ocuparan o posto.
Este denominado “defecto económico” derivan nunha sentencia, do xulgado contencioso administrativo, dous anos despois, no 2018, que anula parcialmente a RPT por carecer de determinacións económicas. Esta sentencia sería confirmada no ano 2019 polo Tribunal Superior de Galicia.
O concello emite distintos decretos ao longo do ano 2021, encamiñados á modificación de distintas áreas de traballo. Algunhas das modificacións tiñan que ver coa sentencia e outras non, non se atopa no BOP unha publicación clara sobre a RPT que comeza a diluírse como documento.

A confirmación da sentencia abre un novo conflito: a determinación dos soldos terase que aplicar desde a sentencia ou desde o 2016?.Chegamos ao mes de outubro do 2022 no que tras denuncias e apelacións unha sentencia recoñece que os complementos dos traballadores, enténdense que o soldo asignado nunca o deixaron de cobrar, deben pagarse desde a aprobación da RPT no ano 2016.
Ao mesmo tempo o pago de eses atrasos confirmaba de facto a organización do persoal do concello de Santiago que segue sendo a que se usa. Máis esa RPT seguiu sen arranxar problemas como o das horas extras de policía e bombeiros.
No anterior mandato a Policía Local deixou de facer horas extras e acabou conseguindo unha suba no prezo das mesmas. Este incremento foi criticado pola mesa de negociación que consideraba que tiñan un trato favorable con respecto ao resto dos funcionarios.
Ao longo do 2026 crearase unha RPT que debería resolver os problemas laborais do concello de Santiago por bastante tempo. Pero doce meses dan para moito e nunca se pode saber que sucederá cando no horizonte están unhas eleccións.
