Ames, 15 de febreiro do 2022 – O concello de Ames conmemora o mes de Rosalía con distintas actividades que van desde un mural a unha campaña mas redes co cancelo #rosalizate
O programa esta organizado desde o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello e cos departamentos de Cultura e Mocidade. #rosalizate comeza hoxe día 15 coa colocación de dous photocall, na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro, para que, quen o desexe, poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos e co cancelo xa mencionado de #rosalizate.
Aos centros educativos de infantil e primaria enviáronse varios modelos de máscaras en formato PDF para que poidan imprimilas e/ou retocalas. Así cada neno ou nena pode elaborar a súa propia cara de Rosalía. O alumnado pode levará para a casa a súa máscara co obxectivo de que, posteriormente, vaia coa familia fotografarse no photocall. Cada familia decidirá se continúa a actividade subindo ás redes as imaxes acompañadas de versos rosalianos ou non. Os centros educativos tamén poden subir esas imaxes acompañada de versos ás propias webs.
Teatro relacionado coa figura de Rosalía
Durante este mes haberá dúas funcións teatrais vinculadas á figura de Rosalía. A primeira proposta representarase este xoves, 17 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Rosalía, o lugar onde nacen as poetas é unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega. A proposta busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. Os convites poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Rosalía está dirixida por Fina Calleja (responsable das montaxes infantís e xuvenís de Sarabela Teatro) e interpretada por Rocío González e Cristina Collazo, dúas actrices imprescindibles no panorama teatral e audiovisual de Galicia.
A segunda peza teatral é Libre coma os paxaros da compañía Teatro do Atlántico. Representarase o venres, 18 de febreiro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao igual que no caso anterior as entradas para asistir a esta función que programa o departamento de Cultura xa poden retirarse na Billeteira electrónica. Nesta obra María Barcala representa a unha muller escritora, comprometida coa cultura do seu pobo, unha muller que visibiliza e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria. Esa muller é María Rosalía Rita de Castro.
Mural As Rosalías
Este ano terá continuidade a intervención de arte urbana As Rosalías, para poñer en valor a figura de Rosalía e os valores que representa de xeito permanente en Ames. En 2021 a intervención realizouse nas paredes da Casa de Barbazán, situada na avenida da Peregrina de Bertamiráns. En 2022 o mesmo artista, Yoseba Muruzábal, está realizando unha intervención cos mesmo obxectivos nun dos muros exteriores da Casa da Cultura do Milladoiro. O mural inaugurarase o propio día de Rosalía, o 23 de febreiro de 2022.