Compostela, 26 de xuño do 2018 – Turismo de Santiago ven de presentar unha nova oferta de visitas guiadas que estarán conducidas por Rosalía de Castro e Valle-Inclán.
As visitas, innovadoras e diferentes, están pensadas para un público cultural e familiar, interesado en descubrir Santiago dende a perspectiva de dous dos principais escritores galegos, dun xeito didáctico e ameno. O proxecto desenvolverase ao longo do mes de xullo, os roteiros da man de Rosalía e Valle-Inclán terán lugar os venres e domingos e asistencia será de balde. Na presentación participaron, demais dos dous persoaxes, a concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Filla de nai solteira, unha padronesa fidalga e liberal, iniciou a súa formación intelectual en Santiago. Morreu en Padrón, onde hoxe está a súa Casa Museo, o 15 de xullo de 1885. Os seus restos trasladáronse en 1891 ó Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, en Santiago, onde actualmente repousan. Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os derradeiros meses da súa vida ata que faleceu o cinco de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiteiro de Boisaca.
O guión das visitas parte dun diálogo imaxinario entre ambos, contextualizado polas rúas e prazas que visitan no Casco Histórico. As visitas, de balde, comezan ás 18.00 na Praza de San Agostiño. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é recomendable presentarse dez minutos antes no punto de saída. O itinerario é: Praza de San Agostiño, Rúa da Conga, Rúa Nova, Igrexa de Santa María Salomé, Rúa do Vilar, Rúa de Bautizados, Igrexa de San Fiz de Solovio. Ten unha duración aproximada dunha hora e media. No mes de xullo, completando a programación das Festas do Apóstolo, haberá visitas todos os venres e domingos.
Estas visitas teatralizadas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e coa colaboración de Abanca, continúan co traballo de posta en valor do atractivo da cidade a través das figuras de escritores e escritoras de relevancia que pasaron parte das súas vidas na cidade. Neste sentido son unha continuación das visitas treatralizadas con monicreques que se fixeron no verán do ano pasado coa figura de Valle-Inclán como fío condutor.