Rois, 2 de outubro do 2020 – O novo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, presentoulle ao alcalde de Rois, Ramón Tojo, proxecto de seguridade viaria entre a capital do concello e o polígono industrial de Padrón.
Trátase dunha senda peonil de 750 metros que contará cun investimento de 600.000 euros. Segundo informou o representante do goberno autonómico “o Diario Oficial de Galicia publicou, o pasado venres, o anuncio de información pública dun proxecto que permitirá mellorar a mobilidade da veciñanza de Rois”.
A Xunta acometerá a construción de esta senda peonil que terá dous metros de ancho e que unirá as actuais instalacións de Aluminios Cortizo co inicio das beirarrúas no núcleo de Rois, aproximadamente á altura de Casa Ramallo. Gonzalo Trenor recalcou que “esta intervención se enmarca na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta de fomentar a mobilidade sostible da poboación así como incrementar a seguridade viaria desta zona con elevado tránsito peonil”.
Para darlle continuidade ao itinerario construirase pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 (Padrón-Rois) ata a actual rotonda. Dende aquí ata o núcleo de Rois, irá pola marxe dereita da AC-301, cun total de 750 metros de lonxitude. A actuación, ademais da pavimentación desta senda, contempla a execución dun sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición dos servizos afectados polas obras.
A Xunta vai aproveitar esta actuación para acometer tamén unha mellora no trazado da AC-301 á altura do quilómetro 2,450, para aumentar o radio de curvatura nesta zona, repoñendo o camiño de servizo e mellorando a intersección situada no quilómetro 2,5. Dos arredor de 600.000 euros polos que se licitará a obra, 41.310 destinaranse á expropiación dos terreos afectados para acometer esta nova senda peonil.
O departamento de Infraestruturas da Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, executou na comarca de Santiago preto de 15 Km de itinerarios sostibles, cumprindo co obxectivo de favorecer que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bicicleta, dunha forma máis cómoda e segura. As sendas executadas dentro desta iniciativa do Goberno galego co fináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.