Bisbarra, 23 de xaneiro do 2023 – O concello de Rois abrirá un punto de atención á infancia, na vella escola unitaria de Urdilde, que contará con vinte prazas.
Rois rehabilitará o edificio cunha axuda da Xunta de Galicia de 184.000 euros. O PAI, punto de atención a infancia, estará destinado a cativos de menos de tres anos e facilitará a conciliación familiar.

A axuda foille confirmada ao alcalde, Ramón Tojo, pola conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha visita ás futuras instalacións. A previsión do alcalde é que as obras saían a licitación nun prazo aproximado dun mes e que estean rematadas antes do verán, “para poder iniciar o próximo curso xa nunhas instalacións axeitadas”. Ramón Tojo tamén reiterou o obxectivo do goberno local de “recuperar edificios de titularidade municipal para crear servizos de calidade que beneficien a toda a veciñanza”.
Fabiola García, pola súa banda, salientou a recuperación da unitaria de Urdilde para a posta en marcha do PAI, que axudará a compaxinar a vida laboral e familiar á veciñanza de Rois e que incrementará nun 50% a oferta educativa para a infancia.
A conselleira informou que os 184.000 euros que a Xunta lle concede ao Concello de Rois proceden da orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e permitirá crear máis de 450 novas prazas de atención 0-3 anos en toda Galicia.
Na visita ás instalación, Ramón Tojo e Fabiola García estiveron acompañados polo tenente de alcalde, Manuel dos Santos; pola concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo arquitecto que redactou o proxecto de acondicionamento do edificio, Ignacio Piñeiro.
Proxecto xa redactado
O Goberno local de Rois ten os trámites moi adiantados para que o PAI entre en funcionamento o antes posible. O Concello está redactando as bases para sacar a licitación as obras, en base ao proxecto feito polo arquitecto Ignacio Piñeiro.
A previsión é acondicionar o edificio da antiga escola unitaria de Urdilde para que o PAI cumpra coa lexislación vixente. As novas instalacións contarán con unha zona de gateo, cociña, zona de hixiene, aseos, vestiarios e zona de descanso.
Tamén se fará unha actuación no exterior do edificio, para mellorar o seu illamento e dotalo de medidas de eficiencia enerxética, como calefacción por aerotermia. O proxecto contempla tamén dotar de mobiliario ao PAI.