Bisbarra, 16 de xuño do 2023 – O concello de Rois será un dos oito de toda Galicia que conformen o proxecto de recuperación de narrativa oral “Cóntame un mundo”.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2023/06/rois-contame-un-mundo-normal-16-xunho-2023_r.jpg)
“Cóntame un mundo” está impulsado polas narradoras e artistas escénicas Carmen Domech, Olga Abad, Raquel Queizás e Alba Grande. O obxectivo é recompilar e dar a coñecer historias da tradición oral á vez que se tenden pontes comunicativas entre persoas maiores e novas e diferentes agrupacións sociais.
Rescatar e poñer en valor o patrimonio inmaterial de Rois derivado da transmisión oral será o eixe sobre o que xiren un total de cinco accións que Cóntame promoverá no municipio entre o vindeiro día 26 e o 28 de xullo. A primeira destas accións, na que se combinarán un contacontos cun foro de recollida de historias, desenvolverase no Multiúsos o luns 26 de xuño a partir das 10 da mañá.
En esta primeira sesión os protagonistas serán as persoas maiores que participan nos talleres da memoria organizados polo Concello. Ese mesmo día tamén se levará a cabo un obradoiro no que se representarán algúns dos contos vencellados a Rois. Centrado nas mulleres rurais, o obradoiro empregará diversos xogos escénicos e se celebrará no local das Mulleres Rurais de Urdilde a partir das sete da tarde.
A terceira sesión de Cóntame un mundo ten por título Encontro da palabra. Desenvolverase o xoves 29 de xuño no campo da festa de Urdilde e nel interactuarán maiores, cativada e participantes no obradoiro de mulleres rurais. Comezará ás sete da tarde e poderán asistir todas as persoas que o desexen, que estarán convidadas tamén a desfrutar duns petiscos.
Xa en xullo, serán os cativos do municipio quen poidan escoitar contos e aportar así mesmo as súas propias narracións. Farano o xoves 27 de xullo pola mañá dentro das actividades incluídas no campamento de conciliación Diververán.
Por último, o venres 28 de xullo pecharase a programación de Cóntame un mundo cun percorrido polo concello aberto a toda a veciñanza. A xeito de recompilación das aportacións de todas as persoas participantes, as catro narradoras que promoven o programa elaborarán un Roteiro da palabra no que darán a coñecer personaxes, lugares, casas… vencellados á tradición oral de Rois. A colocación de códigos QR permitirá que este roteiro poida seguir facéndose no futuro.