Bisbarra, 24 de novembro do 2022 – A programación do 25N, Día Internacional pola eliminación da violencia contra a muller, terá en Rois andainas, libros e música para visibilizar e loitar contra esta lacra.
O obxectivo do concello de Rois no 25N é “mandar un mensaxe de tolerancia cero con este tipo de comportamentos, inconcibibles nunha sociedade civilizada”. Tinguir a casa consistorial de violeta, unha andaina solidaria ou a exposición de debuxos conmemorativos son algunhas das accións que se desenvolverán nos próximos días, co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de denunciar as actitudes machistas.

A axenda do 25N comeza ás 18.00 horas co acendido das luces na casa consistorial, tras o que comezará a andaina solidaria Camiño ao respecto. Unha marcha reivindicativa que rematará no edificio multiúsos, onde terá lugar a presentación do libro “Eutimia”, de María Aboy.
María Aboy Oubel presentará “Eutimia”no seu concello natal. Unha novela negra que camiña sobre a violencia de xénero e fai fincapé na estigmatización dos trastornos da saúde mental.
Tras a presentación a música converterase en protagonista coas actuacións do OCT Chorima, da Asociación de mulleres rurais de Urdilde, da Asociación de mulleres rurais de Ermedelo e da Asociación de amas de casa de Rois. O acto oficial concluirá coa lectura do manifesto de Rois contra a violencia de xénero, pechando o acto.
A partir do día 25 tamén poderá visitarse no multiúsos a exposición de debuxos realizados polo alumnado dos centros educativos do municipio co gallo do 25N.