Rois, 31 de decembro do 2020 – O alcalde de Rois entregou os premios do concurso de postais e de contos de Nadal que organizou o Concello.
O certame de postais de Rois recibiu 150 propostas conseguindo un récord de participación. Anxo Fabeiro Domínguez, alumno de 3º de Infantil na Galiña Azul; Xiao Miguéns Castro, que cursa 5º de infantil no CPI Os Dices; Lía Seco Ares, estudante de 2º de primaria no CEIP O Pumar de Urdilde; Carla Becerra Vaamonde, alumna de 3º de primaria tamén no Pumar; e Uxía Fabeiro Vázquez, de 5º de primaria do mesmo centro, levaron os cinco premios nas súas respectivas categorías.
A imaxe de Lía Seco foi a elixida polo xurado como felicitación oficial do Concello, polo que a recibiron en todos os fogares de Rois. Na entrega de premios, no auditorio municipal, só estiveron presentes os gañadores e as súas familias. O resto de participantes recibirán o seu diploma cando comece o curso escolar.
Contos de Nadal
Polo que respecta á primeira edición do concurso de contos de Nadal entregáronse os premios das seis categorías. Na modalidade escrita, en categoría C, o mellor conto foi o de Lara Rodríguez Osorio, que estuda 1º de Primaria no CPI Os Dices. Abril Souto Martínez, de 6º de Primaria, foi o gañador na categoría E.
Na modalidade oral, as aulas de 5º e 6º de educación Infantil do CEIP O Pumar de Urdilde foron as gañadoras da categoría B. A aula de 2º de Primaria do colexio de Urdilde tamén gañou na categoría C. No colexio de Urdilde quedaron ademais os premios das outras dúas categorías, un deles para a aula de 4º de Primaria; e na categoría E, as gañadoras foron Rocío López, Nerea González e Sabela Becerra, que estudan sexto de Primaria en Urdilde.