Rois, 4 de xaneiro do 2021 – Rois celebrou o primeiro pleno ordinario do 2022 no que foi aprobado o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.
A proposta saiu adiante cos votos do equipo de goberno, do Partido Popular; votando o PSdeG en contra e absténdose o BNG. O alcalde considera que é un bo plan, elaborado pola empresa pública autonómica Seaga (Servicios Agrarios Galegos SA), que lle permite ao concello ter un marco de actuación contra os incendios forestais.
Dende o BNG, Begoña Ares considera que o plan “limítase a recoller” o que marca a lei sen incluír ningunha medida específica para Rois e considera que o Concello é o responsable de velar que se cumpran a limpeza das franxas. A este punto o alcalde replicoulle que Rois non ten policía local, polo que a maioría dos expedientes inícianse cando a veciñanza informa de que non se está cumprindo coa normativa.
Dende o grupo socialista votaron en contra ao considerar que o documento presentado non se corresponde cun plan de loita contra incendios senón de xestión de biomasa. O voceiro socialista, Manuel Regueira, indicou que o plan presentado “carece da estrutura necesaria e a información requerida pola Xunta nos modelos de elaboración de este tipo de plans”. O PSdeG mostrou dudas sobre a posibilidade de que sexa aprobado na Direción Xeral de Emerxencias.
Mocións
No apartado de mocións, as dúas presentadas polo PSdeG foron apoiadas polos grupos da oposición e rexeitadas cos votos en contra do equipo de goberno popular. Na primeira, os socialistas querían instar á Xunta a desenvolver o novo modelo de desenvolvemento enerxético eólico máis eficiente para Galicia, replicándolle o alcalde que o modelo actual xa protexe un alto porcentaxe do solo, fomenta a repotenciación e amplía a distancia as casas en función da altura dos aeroxeradores.
Na outra moción, Manuel Regueira solicitaba que o Concello analice a posibilidade de pedir axudas do programa DUS 5000 para proxectos singulares de enerxías limpas en pequenos municipios, para fomentar a colocación de lámpadas led no alumeado público. O alcalde rexeito esta iniciativa argumentando que xa na Xunta de Goberno Local do pasado 29 de novembro aprobarase unha memoria técnica para solicitar axudas deste plan para a colocación de alumeado público con tecnoloxía led.