Bisbarra, 6 de novembro do 2023 – O concello de Rois está estudando a posibilidade de entrar como socio de pleno dereito na Mancomunidade Serra do Barbanza, encargada da recollida do lixo.
En resposta a unha pregunta da nacionalista Begoña Ares, O alcalde, Ramón Tojo, explicou que o goberno municipal está analizando esta posibilidade “Para tomar unha decisión que teña en conta os intereses municipais solicitámoslle á Mancomunidade unha serie de datos técnicos para saber se resulta beneficioso para o Concello facerse socio”.
O pleno municipal rexeitou por outra banda unha moción do BNG sobre o 25N argumentando o incremento de orzamento destinado pola Xunta de Galicia para loitar contra a violencia de xénero e o financiamento dos Centros de Información a Muller.
Dende a oposición, tanto BNG como PSdeG consideran estes incrementos insuficientes e pedían destinar ata o un por cento do orzamento autonómico a esta materia, entre outros aspectos. Finalmente, a proposta foi rexeitadas cos 8 votos en contra do PP e os 3 a favor da oposición.
Censo de habitantes
A Corporación aprobou ademais o padrón municipal de habitantes, que a data de 1 de xaneiro deste ano contaba con 4.397 persoas censadas. O censo de habitantes do Concello de Rois reduciuse en 49 persoas durante o pasado exercicio, ao pasar de 4.446 a 4.397 persoas empadroadas.
A oposición reclamou un maior interese do goberno municipal para fixar poboación. O alcalde, Ramón Tojo, replicoulle que a redución do censo correspóndese coa “diferencia entre nacementos e defuncións. Unha situación idéntica a que ocorre no resto Galicia e no resto de España, onde hai máis mortes que nacementos”, dixo.
Terreo para escola infantil
Dende o grupo socialista, Manuel Regueira preguntou como estaban as xestións para ampliar a escola infantil A Galiña Azul e se o Concello xa mercara o terreo necesario. Ramón Tojo respondeulle que o goberno municipal “seguía negociando con discreción en interese da veciñanza” a compra dese terreo.
Transparencia
A moción do BNG solicitando que se publiquen no portal de transparencia as declaracións de bens e actividades dos concelleiros foi aprobada por unanimidade. O alcalde, Ramón Tojo, explicou que o goberno municipal segue a traballar para publicar estas declaracións.