Rois, 6 de xullo do 2022 – O pleno de Rois ratificou por unanimidade unha addenda ao convenio coa Xunta relativo á construción da depuradora de Urdilde o vindeiro ano.
Os cambios no convenio aclaran que en este 2022 o investimento será de 20.231,38 euros mentres que o resto, ata os 915.000 do custo total, corresponderán ao 2023. Augas de Galicia comunicou un retraso na licitación da depuradora, que se fará a finais de ano, e iso motivou estes cambios.

O concello aportará un máximo de 183.000 euros e a Xunta outros 732.000 euros. A obra estará financiada pola Unión Europea, no marco do Eixo REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2022.
Por outra banda, o Concello de Rois e o de Dodro teñen previsto mellorar o camiño de acceso á Chisca, cunha obra que representa un investimento de case 65.000 euros. Os traballos permitirán tapar as fochancas e botar un rego asfáltico de selado, segundo explicou o concelleiro de obras, Carlos Ares. O proxecto foi realizado polo Concello de Dodro. O Pleno de Rois ratificou tamén por unanimidade a resolución da alcaldía pedindo unha axuda á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo dentro do programa para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotación, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinados aos concellos.
Segundo explicou o alcalde no Pleno, Dodro encargouse de realizar o proxecto, Rois solicitou este ano a subvención e os dous concellos pagarán ao 50% os custo da obra. A axuda da Xunta xa está concedida e en breve iniciarase o proceso de contratación.
No apartado de rogos e preguntas, e entre outros temas, o BNG solicitou copia do informe sobre a calidade do aire nas medicións que está a realizar a Xunta, pero que aínda non se remitiu ao Concello, segundo explicou o alcalde.
Dende o grupo socialista, tras recordar que o Concello solicitou unha achega para construír unha marquesiña e un porche no centro de día de Urdilde, preguntou que xestións estaba realizando o goberno local para ampliar as prazas no centro. O alcalde, Ramón Tojo, explicou que a marquesiña era necesaria para resgardarse nos días de choiva, tanto as persoas usuarias como as visitas.
Respecto ao número de prazas, a concelleira Mercedes Basante informou que, actualmente, o centro de día de Urdilde ten 26 prazas ocupadas das 40 dispoñibles. Lembraron que quen xestiona o centro de día de Urdilde é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta.