Bisbarra, 11 de setembro do 2023 – O primeiro pleno ordinario de Rois en este mandato aprobou o orzamento correspondente ao ano en curso, en palabras do alcalde “o máis alto na historia do municipio”.
Un orzamento que aumenta en medio millón de euros, chegando aos 4,4. Un incremento que se produce, por unha banda, polo financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que contará con subvencións da Xunta de Galicia e da Deputación e será externalizado; e por outra parte polas transferencias do POS+ adicional para financiar gastos correntes.
Para inversións reais, o Concello de Rois destinará este ano 457.663 euros, unha cifra lixeiramente inferior á do ano pasado pola reasignación das anualidades da aportación municipal ao convenio con Augas de Galicia para a depuradora de Urdilde.
O capitulo de ingresos do orzamento 2023 do concello de Rois, prevé 2,53 millóns de euros de outras administracións. Por impostos directos calcúlanse achegas por valor de 893.000 euros, e por impostos indirectos de 400.000 euros. Para rematar a previsión de taxas alcanza os 399.900.
O documento foi aprobado cos oito votos a favor do equipo de goberno (PP), a abstención do BNG (1) e o voto en contra do PSdeG (2). No debate, o alcalde sinalou que “o equipo de goberno presenta un orzamento sólido, que é o máis alto da historia de Rois” e destacou que os gastos do equipo de goberno son menores que no pasado exercicio. A oposición criticou que se presentasen as contas en setembro e explicou que o goberno presenta un orzamento sen proxecto.
A Corporación tamén aprobou destinar os 410.826,34 euros do POS+ Adicional 2023 a gasto corrente cos votos a favor de PP e BNG (9) e o voto en contra do PSdeG (2). O alcalde explicou que isto permitiralle ao Concello pagar facturas a provedores. A interventora municipal aclarou que con esta medida poderase reducir os tempo de pago de facturas, motivada en grande medida polo retraso no cobro de subvencións doutras administracións para executar obras e proxectos que o Concello xa tivo que pagar previamente.
O BNG criticou a falta de proxecto e o desacordo coa xestión do goberno municipal, pero votou a favor da proposta. O grupo socialista subliñou que o goberno local está destinando a gasto corrente máis de seiscentos mil euros do POS, e votou en contra da medida.
Festivos locais e convenio de turismo
Na sesión deuse conta da resolución da alcaldía pola que o Concello solicitou subvención á Xunta e aprobou o convenio con Padrón e Dodro para poñer en marcha o obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria para formar a 15 mozos e mozas durante un ano na confección e publicación de páxinas web.
Tamén por resolución da alcaldía, o Concello de Rois establece como festivos locais para o ano 2024, como ven sendo tradicional no municipio, o luns de Pascua (1 de abril) e o día de Santo Isidro Labrador (15 de maio).
Cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG aprobouse asinar o convenio de colaboración co GD-19 Asociación Terras de Compostela para a promoción turística de Rois a través do Xeodestino Terras de Santiago.
O alcalde lembrou que a Axencia Turismo de Galicia encadrou tanto a Rois como a Padrón no Xeodestino Terras de Santiago e designou á Asociación Terras de Compostela como entidade para levar a cabo as accións de promoción turística no municipio, para o que resulta necesario a sinatura do convenio.