Bisbarra, 26 de setembro do 2024 – O Concello de Rois presenta un amplo programa cultural baixo o epígrafe “Outubro, mes dos libros”; unha iniciativa na que se aposta por dar a coñecer e promocionar o teatro, a literatura, o mundo da ciencia e mesmo a historia de Galicia.
Entre o venres 4 e o xoves 31 sucederanse en Rois as diferentes propostas coas que se busca implicar a veciñanza de todas as idades. A primeira das citas será a inauguración da exposición 150 aniversario da primeira liña ferroviaria galega entre Cornes e Carril.
Dende o venres día 4 , ás 19.30 horas, ata o 31 de outubro, as persoas que visiten a mostra no auditorio municipal poderán achegarse á historia do primeiro tren que o 15 de setembro de 1873 se puxo en marcha en Galicia cunha mostra que inclúe paneis informativos, fotografías e obxectos históricos. A visita é completamente gratuíta.
O auditorio municipal de Rois acollerá tamén, o venres 11 ás 18.00 horas, a representación da obra Animaladas, unha función de Teatro Calavare para todos os públicos no que a exploradora Jeanne Baret convida o público a unha misión na selva de Pitiminí. Esta selva, aínda que non é moi grande, está chea de misterios e especies por descubrir que iremos coñecendo a través da narración de contos.
O programa de Rois “Outubro, mes dos libros” conta tamén con dous obradoiros dirixidos á cativada. O primeiro deles é “Descubrindo o mundo coa microbioloxía”, un taller no que nenos e nenas a partir de 8 anos poderán exercer por un día de pequenos científicos. Realizarase o venres día 18, ás 18.00 horas, na biblioteca municipal.
O segundo obradoiro, pensado para o público infantil a partir de 5 anos, titulase “Os oficios do futuro” e terá lugar o venres 25 ás 18.00 horas na biblioteca municipal. As prazas son limitadas para os dous obradoiros, polo que é preciso inscribirse a través do correo electrónico inscricions@rois.gal entre o día 1 e o 16.
Xa o domingo 27 levarase a cabo a visita teatralizada A montaña máxica da raíña Lupa. Da man de Suso Martínez poderase coñecer un pouco máis sobre esta personaxe tan importante na tradición xacobea.
As prazas para esta actividade son limitadas polo que haberá que inscribirse a través do correo electrónico inscricions@rois.gal do 1 ao 16 de outubro. A saída da actividade será ás 11.00 horas dende Angueira de Castro.
“Outubro, mes dos libros” é unha iniciativa organizada polo Concello de Rois en colaboración coa Deputación da Coruña, o programa de dinamización da lectura Ler conta moito e o GDR Terras de Compostela.