Bisbarra, 30 de novembro do 2023 – O concello de Rois ven de presentar a programación de Nadal que, ademais de todas as actividade típicas de estas datas, incluirá o I Trail Montes de Oleirón.
O I Trail Montes de Oleirón celebrarase o día 7 de xaneiro como peche da programación de Nadal. A proba comezará as dez da mañá e a meta pecharase ás dúas da tarde. O percorrido transcorrerá por sendeiros, pistas forestais, pistas con pedras soltas e cortalumes. A rpoba ten unha distancia de 21 quilómetros.
Xunto ao Trail, que ten un carácter competitivo, celebrarase unha andaina cunha distancia de dez quilómetros. A saída será as dez e cuarto. Tanto o Trail como a Andaina terán a saída e a chegada no pavillón polideportivo dos Dices. Toda a información e as inscricións en este enlace.
Nadal en Rois
Rois prepara para este Nadal unha programación diversa dirixida a todos os públicos no que destaca como novidade o concurso Adorna Rois no Nadal, co que se convida a veciñanza e establecementos a decorar a vila nestas datas,
A primeira das actividades foi o concurso escolar de postais, certame aberto ao alumnado de primaria e secundaria do municipio do que sairá a tarxeta que o Concello mandará a toda a veciñanza como felicitación de Nadal.
A maiores, e por primeira vez, o Concello convoca un concurso co que busca implicar a comerciantes, hostalería, asociacións e veciñanza na decoración da vila durante estas festas. O prazo de inscrición estará aberto entre este venres día 1 e o 10 de decembro.
Volverá, por outro lado, o programa de conciliación DiverNadal. Coincidindo coas vacacións escolares, entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, nenas e nenos de 3 anos en adiante disporán dun espazo de lecer e aprendizaxe entre as 7.30 a as 14.30 horas.
Tamén se celebrará un ano máis o concerto de Nadal da Escola Municipal de Música de Rois. A cita, no auditorio municipal, está fixada para o sábado 16 de decembro ás 18.00 horas.
Xa en xaneiro celebrarase a cabalgata dos Reis Magos e, ao igual que aconteceu nos últimos dous anos, as Súas Maxestades percorrerán ao longo do 5 de xaneiro as parroquias do municipio para saudar e agasallar a toda a cativada. Nenas e nenos terán entón a derradeira oportunidade para facerlle chegar a súas peticións, aínda que antes de rematar o cole, concretamente o xoves 21 de decembro, axudantes do Apalpador, Papá Noel e os Reis visitarán os centros escolares para recoller as súas cartas.