Bisbarra, 16 de decembro do 2022 – A concelleira de Servizos Sociais de Rois, Mercedes Basante, presidiu a reunión da Mesa de coordinación contra a violencia de xénero.
O obxectivo do encontro foi reflexionar e traballar de xeito colectivo para erradicar a violencia de xénero en Rois. Basante dixo na súa intervención que “Debemos traballar de forma conxunta. Non queremos máis mulleres que sufran violencia ou discriminación”.

A Mesa ten como finalidade coordinar as intervencións que axuden ás mulleres vítimas de violencia de xénero, así como a realizar accións destinadas á formación, información, sensibilización, elaboración e difusión de materiais. Na mesma están representados os tres grupos políticos municipais, persoal dos departamentos de Servizos Sociais e Cultura, da unidade Viogen da Garda Civil, do CIM e do GES Terras de Iria, e de empresas, asociacións veciñais e dos tres centros educativos do municipio.
A Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está presidida pola concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, exercendo a secretaría a educadora familia do Concello, Uxía Pérez. Reunirase semestralmente, quedando fixada a vindeira xuntanza para a primeira quincena de xuño.
Ata a seguinte reunión realizaranse varias accións formativas dirixidas ás persoas que forman parte da mesa, coa finalidade de unificar criterios que sirvan para detectar posibles situacións de violencia de xénero e establecer protocolos de actuación.
A xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, que asistiu en representación da Xunta, dixo que a de Rois súmase ás 88 mesas de coordinación institucional que hai en Galicia. Fontenla engadiu que actualmente hai 224 entidades adheridas á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Integrantes da mesa

A mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do Concello de Rois quedou onte constituída con representantes das seguintes entidades e colectivos: Mercedes Basante, como concelleira de Servizos Sociais, membros do grupo Viogen da Garda Civil, do CIM e do GES Terras de Iria, persoal de Servizos Sociais e de Cultura do Concello de Rois, PSdeG, BNG, Amipa, Fundiciones Souto, ANPA San Isidro do CPPI Os Dices, CEIPP O Pumar, Escola infantil A Galiña Azul, CD Rois, Canteira de Leroño, Serigrafía Díaz, Transportes Chaves e Asociación de Veciños Travadoiro.