Bisbarra, 19 de agosto do 2022 – Os traballos de posta en valor do Castro Lupario no concello de Rois deixaron ao descuberto as murallas do recinto e as liberaron de maleza e amezas.
O campo de traballo de voluntarios centrouse este ano en limpar de vexetación a parte exterior do Castro Lupario e talar as árbores que podían danar as murallas. Tamén foron medidas e catalogadas de cara a desenvolver máis adiante unha nova escavación por parte de profesionais.

Os participantes recibiron hai uns días a visita do alcalde de Rois, Ramón Tojo, que puido comprobar in situ como os labores de limpeza e acondicionamento permiten agora circundar as murallas defensivas, a maior das cales chegou a ter ata 4 metros de altura.
Tras a visita ao Castro Lupario o concello ofreceu aos voluntarios unha recepción no Pazo do Faramello na que se lles entregou unha placa conmemorativa da súa participación. Tojo agradeceulles a súa contribución e a posta en valor do patrimonio roisense dicindo que a placa serviría “para que lembredes a vosa estadía entre nós, nunha contorna que non podemos menos que cualificar de privilexiada e que agardamos que levedes para sempre no corazón”.

A case media ducia de mozas e mozos que participaron no campo de voluntariado despediranse de Rois logo de realizar prácticas de arqueoloxía e traballos de acondicionamento no Castro Lupario dende o pasado día 8 de agosto.
A limpeza que os voluntarios realizaron no castro facilita distinguir nestes momentos as dúas liñas de muralla e percorrelas no seu perímetro, incrementando o atractivo para os visitantes pois non hai que esquecer que, con catro metros de altura, o Castro Lupario constitúe un xacemento excepcional e un dos máis relevantes da zona. O seu valor patrimonial e turístico increméntase grazas ás espectaculares vistas que ofrece e á crenza de que se trata do emprazamento no que residiu a lendaria raíña Lupa.

Rico patrimonio arqueolóxico
O arqueólogo David Fernández Abella dirixiu un ano máis os traballos no xacemento, apoiado polas súas colegas Goretti López e Fátima Sánchez. Ademais do Castro Lupario, os participantes no campo documentáronse sobre outras áreas arqueolóxicas de Rois como a necrópole megalítica de Codeso, o xacemento de A Capela, o castro Socastro ou os petróglifos do Monte Pedral e do Faramello. Este último catalogouse precisamente a raíz do desenvolvemento do campo de voluntariado do ano pasado grazas ás indicacións de veciños de Angueira de Castro.
Os once mozas e mozos participantes no campo de voluntariado, de entre 18 e 25 anos e procedentes de Italia, México, Euskadi, Cantabria, Sevilla, Málaga, Zaragoza, Madrid, Ferrol, A Coruña ou Nigrán, aproveitaron así mesmo as tardes e as fins de semana para coñecer outras lugares de Galicia e da contorna e familiarizarse coas costumes, as tradicións e, por suposto, a gastronomía. Visitaron Santiago e Padrón, O Ézaro e Fisterra, Catoira e Cesures e, como non podía ser menos, a praia de Seira ou o pazo de Faramello en Rois.
Con intereses en diversos campos, como demostran o seus estudos en Deseño téxtil, Medicina, Farmacia, Enxeñería, Económicas ou Filosofía, valoraron moi positivamente o intercambio de coñecementos e amosáronse moi satisfeitos coa experiencia. No acto no que hoxe o alcalde de Rois lles entregou as placas do Concello e os diplomas da Dirección Xeral de Xuventude, que promociona os campos de voluntariado internacional, estiveron tamén presentes o director do campo do Castro Lupario, Xulio Varela, e as dúas monitoras que acompañaron ao grupo durante a súa estadía.