Establécese un máximo de 25.000 horas de atención anuais no SAF baixo a modalidade de dependencia. Este é o contrato de maior importe de todos os servizos que presta o Concello

O Servizo de axuda no fogar comezou como unha tímida proposta e os concellos atopáronse con que cubría unha necesidade urxente e que unha vez implantada só podía crecer. Hoxe está en cuestión o financiamento pero ninguén dubida da súa necesidade e de que irá a máis.
Os concellos máis pequenos, os máis afastados ou os máis rurais son os que máis demandan o SAF. Unha poboación envellecida que non quere abandonar a casa na que viviu desde neno. Rois é un de eses lugares e ven de comezar coa licitación do Servizo.
O Pleno do Concello de Rois aprobou este venres iniciar o proceso de licitación cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG. A licitación farase por un período de dous anos, coa posibilidade dunha prórroga doutro ano, a un coste anual de 601.120 euros, impostos incluídos, para un máximo de 25.000 horas anuais de atención.
Os dous anos de contrato suporán un investimento máximo de 1.202.240 euros, que se elevan a 1.803.360 euros co ano de prórroga. Co importe desta licitación, o contrato SAF convértese no de maior contía de todos os servizos que presta o Concello de Rois.
A licitación fai referencia só ao Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia, o que se presta a aquelas persoas que teñen recoñecida pola Xunta un grao de dependencia e que inclúen o SAF no seu PIA (programa individualizado de atención). A modalidade de SAF de libre concorrencia seguirase prestando por persoal propio do Concello de Rois.
Para sacar a licitación do SAF, o Concello contratou un estudio económico para determinar os custos asociados ao servicio e conta tamén co informe do departamento e Servizos Sociais. Rois ten asignadas actualmente 23.592 horas anuais de atención no programa de dependencia. Delas, durante o pasado exercicio 2024 as efectivamente prestadas foron 20.331.
Tendo en conta as características das persoas usuarias do SAF e as previsións de lista de agarda, os Servizos Sociais municipais consideran que nos próximos tres anos non se van a superar as 25.000 horas anuais de atención, que son as máximas previstas nos pregos da licitación.
Pola súa banda, o estudo económico polos custos derivados do servizo, establece un máximo de 23,12 euros o prezo da hora de atención (24,04 con impostos) para a licitación do o SAF de dependencia.
As prestacións contempladas nos pregos de licitación do servizo de axuda no fogar inclúen, entre outras, as atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría e alimentación a domicilio (Xantar na Casa), acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, á mellora da convivencia, integración na comunidade e mellora da estrutura familiar.
No caso de que os licitadores os oferten, poderíanse incorporar actuacións de carácter complementario como actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables e servizos de podoloxía e peiteado. Os pregos tamén contemplan a subrogación do persoal que actualmente presta este servizo.
Durante o debate, o BNG sinalou que defende un modelo de SAF prestado directamente polo Concello para prestar un mellor servizo ás persoas usuarias. Dende o PSdeG botaron en falta unha comparativa entre o que custaría o servizo municipalizado, un mancomunado con outros concellos e o modelo que se propón, e consideraron que o estudo económico contén erros e pediron retirar o punto da orde do día.
Na votación, a licitación do SAF foi aprobada cos votos a favor do PP (5), a abstención do BNG (1) e o voto en contra do PSdeG (2).
O anuncio de licitación deberá publicarse no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), debido ao elevado importe do contrato, así como na plataforma de contratación do Estado.
