Rois. 06/03/2026 – Rois vai recoñece hoxe a traxectoria, o compromiso e a contribución de Pilar Freire Esparís entregándolle o III Premio 8M. O acto institucional comezará ás 17.30 horas no auditorio municipal.
Doutora en Economía e profesora retirada de Historia Económica da USC, Pilar Freire é un referente por introducir a perspectiva de xénero na docencia e na investivación e por visibilizar nas súas investigacións a importancia do tempo e do traballo da muller.
Autora do libro A familia rural na Galicia contemporánea. O cambio nas relacións familiares nos concellos de Brión e Padrón (1850-1970), publicado en 2008, Pilar Freire fixo varias investigacións sobre como a demografía inflúe na actividade económica e acabou resaltando o valor do tempo do traballo feminino e da importancia da conciliación familiar para que a muller se poida incorporar ao mercado laboral.
En 2012 foi premiada pola Universidade de Santiago que outorgoulle o primeiro premio á introdución da perspectiva e xénero na investigación. En convocatorias posteriores foi premiada tamén por introducir a perspectiva de xénero na docencia.
Muller moi apreciada tanto en Rois, municipio no que vive, como no ámbito universitario, Pilar Freire recibirá esta tarde o terceiro Premio 8M que entrega do Concello de Rois para conmemorar o Día Internacional da Muller.
O acto no auditorio municipal comezará este venres ás 17.30 horas coa lectura do manifesto institucional do 8M, e tras a entrega do galardón a Pilar Freire tamén se entregarán os premios do Concurso escolar de carteis do Día da Muller.
A xornada continuará coa proxección do documental Maruja Mallo, mitad ángel, mitad marisco, dedicado á figura da artista galega que é unha das creadoras máis singulares da xeración do 27, cuxa obra e traxectoria simbolizan a ruptura de barreiras e a reivindicación do papel das mulleres na cultura.
O acto pecharase cunha charla-coloquio dinamizada por Antón Reixa, que convidará ao público a participar nun espazo de reflexión colectiva arredor da igualdade, a cultura e a memoria da mulleres.

1 thought on “Rois réndelle homenaxe a Pilar Freire Esparís no Día da Muller”
Comments are closed.