Rois, 10 de xuño do 2022 – A Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois remata o curso con dous concertos protagonizados polo alumnado da escola nas distintas disciplinas.
A primeira das actuacións da ESMU terá lugar o vindeiro domingo, 19 de xuño, ás 20.00 horas, no campo da festa de Rois. No transcurso do mesmo actuará tamén o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, que presentará o seu novo espectáculo Solsticio de Invernío.

O segundo dos concertos será unha semana despois, o domingo 26, tamén ás 20.00 horas, pero nesta ocasión desenvolverase no Auditorio municipal. As actuacións están abertas ao público en xeral e son gratuítas.
Co desenvolvemento destes concertos, a Escola de Música quere amosar os avances do alumnado durante o presente curso, agradecer o apoio das familias, do Concello e do persoal que fai posible que a música siga tendo un papel protagonista en Rois.
Aberta a matrícula para o curso 22-23
Precisamente para continuar con este traballo, está aberto o prazo de matrícula para todas aquelas persoas maiores de 3 anos que se queiran formar musicalmente durante o vindeiro curso 2022-2023. Deste xeito, as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 30 de xuño.
Para inscribirse é preciso cubrir o formulario de inscrición na páxina web do Concello e, unha vez cumprimentado, remitilo xunto co xustificante de pagamento a través do apartado Finalizar trámite da web ou por correo electrónico ao enderezo inscricions@rois.gal. A selección horaria farase por orde de rexistro.
A preparación para as probas de ingreso no Conservatorio profesional, concertos didácticos, música e movemento, linguaxe musical, conxunto instrumental e coro son algunhas das ofertas da Escola Municipal de Música de Rois, que dirixe Manuel Villar.
Entre os instrumentos que poden aprender a tocar os alumnos a partir dos 8 anos están os de vento metal e vento madeira, corda, percusión, piano, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, acordeón, batería ou mesmo canto, entre outros. E, dende o curso 2022-21, impártese tamén Harmonía e creación musical, dirixida a maiores de 12 anos.