Rois, 7 de xaneiro do 2021 – O Concello de Rois adherirase ao convenio entre a Vicepresidencia Primeira e a Fegamp para que a Xunta se encargue de tramitar as sancións relacionadas coa covid-19.
A proposta, debatida no pleno ordinario, foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno e a abstención de Psoe e BNG. O alcalde, Ramón Tojo, explicou que o Concello non ten medios para tramitar todas as denuncias que poden presentar as forzas de seguridade derivadas do Covid. Psoe e BNG consideraron pola súa banda que poderían tramitarse nas oficinas municipais xa que o número de denuncias será reducido.
Apoio pola crise derivada do Covid
Na sesión aprobouse por unanimidade unha proposta do PP para incluír nos presupostos municipais de 2021 medidas de apoio aos traballadores e traballadoras autónomas e ás pequenas empresas.
BNG e PSdeG apoiaron a iniciativa por crela importante, aínda que botaron en falta máis concreción nas medidas que se tomarán.
Tamén aprobouse cos votos do PP e do BNG unha moción en apoio da autonomía financeira de Galicia, para que dende o Goberno central non se vulnere o Dereito Civil de Galicia, sobre todo no referente ao legado de herdanzas en vida. O Psoe votou en contra sen entrar en debate.
O contrario sucedeu cunha moción do BNG para reactivar a asistencia sanitaria. Contou co apoio dos socialistas pero foi rexeitada cos votos do PP ao entender que a Xunta está facendo unha boa labor que redunda en beneficio da veciñanza.
A proposta do grupo socialista para dar visibilidade ao colectivo LGTBI, que tivo o apoio do BNG, foi rexeitada cos votos do PP. O alcalde explicou que dende o goberno se están apoiando xa iniciativas deste estilo, como a exposición do colectivo Les Coruña que se inaugurou recenemente e que permanecerá diante do Concello ata o 11 de xaneiro.