Bisbarra, 5 de novembro do 2024 – O Concello de Rois anuncia a apertura das inscricións para os Cursos de Inverno 2024, unha iniciativa que ofrece unha programación formativa nos vindeiros meses de decembro e xaneiro.
As actividades levaranse a cabo no Edificio Multiúsos de Rois e nos locais sociais de diversas parroquias, cunha oferta que inclúe habilidades prácticas e formación dixital.
Cursos
Entre a oferta inclúese un curso de Iniciación á micoloxía para a identificación de cogomelos impartido por Jaime Blanco, experto micólogo e presidente da Asociación Micolóxica Brincabois. Celebrase os venres 13 e 20 de decembro de 20:00 a 22:00 horas e os sábados 14 e 21 de decembro de 11:00 a 14:00 horas. Terá unha duración de 10 horas e un custo de 20 euros.
Outra das propostas e a Iniciación á Fotografía con cámara analóxica. O obxectivo é aprender o seu uso, empregando axustes, encadres e edición de imaxes. Desenvolverase os venres do mes de decembro de 18:00 a 20:00 cunha duración de 30 horas. O prezo é de 30 euros.
Pola parte dixital estará a posibilidade de aprender o uso da cámara do móbil, enfocado en optimizar o emprego do teléfono cunha introdución aos axustes e ás técnicas básicas de fotografía. Será os martes do mes de decembro de 20:00 a 22:00 horas, ata completar as 30 horas, cun prezo de 30 euros.
Seguindo con tecnoloxía, o Concello de Rois ofrece un curso sobre o Uso de aplicacións no teléfono móbil. Trátase dunha sesión única de dúas horas na que se poderá aprender sobre o manexo de aplicacións de utilidade, incluíndo a aplicación Liña Verde para comunicación de incidencias. Desenvolverase un sábado de decembro pola mañá nos locais veciñais e sociais da rede de asociacións municipais cun custo de 5 euros.
Para as persoas que desexen saber máis sobre o manexo do paquete Office e internet tamén o programa oferta un curso de Iniciación á Informática que se realizará os martes do mes de decembro de 18:00 a 20:00, ata completar 30 horas, cun prezo de 30 euros.
O sexto curso que se ofrece é o de Cociña e repostería a partir do 20 de xaneiro, onde se poderá aprender receitas e técnicas culinarias. A organización aporta tanto os alimentos como os utensilios. Os horarios desta actividade serán os xoves en Rois de 17:00 a 19:00 horas; os luns en Urdilde, de 17:00 a 19:00 horas; e os martes en Ermedelo, de 16:00 a 18:00 horas, e en Ribasar, de 19:00 a 21:00 horas. A duración é de 12 horas e o custo de 25 euros.
Inscricións e información
As inscricións están abertas ata o luns día 25. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participas deben chamar ao teléfono 981 816 061 ou acceder ao formulario en liña dispoñible https://acortar.link/pPUTFR
O Concello de Rois resérvase o dereito a modificar ou suspender as actividades no caso de non acadar un número mínimo de participantes.