Bisbarra, 13 de agosto do 2024 – O pleno de Rois sacou adiante, nun pleno extraordinario, distintos temas entre os que destaca a constitución dunha Comunidade enerxética local que promoverá o consumo de enerxía renovable.
Ademais do impulso á Comunidade Enerxética o pleno municipal extrardinario de Rois aprobou tamén a ordenanza reguladora dos prezos públicos dos servizos socioculturais, deportivos e de conciliación. Ademais a sesión aprobou destinar o POS+ Adicional para financiar gasto corrente para executar obras.
Comunidade enerxética local de Rois
A Comunidade enerxética local de Rois comezou aprobando os seus estatutos, que a deimitan como asociación sen ánimo de lucro. O obxectivo desta comunidade enerxética é contribuír á sustentabilidade enerxética promovendo a produción e o autoconsumo de enerxía renovable por parte da veciñanza de Rois, pequenas e medianas empresas e o propio Concello.
Promover e fomentar estratexias para reducir as emisións con efecto invernadoiro e xerar enerxías limpas para o autoconsumo e outro dos fins desta asociación. As persoas ou entidades que desexen formar parte desta comunidade enerxética deberán solicitalo á xunta directiva da asociación, que estará composta por un mínimo de tres persoas e un máximo de doce.
O alcalde, Ramón Tojo, explicou que o Concello toma a iniciativa para crear esta comunidade enerxética porque “será boa para a veciñanza. Imos cumprir os prazos para obter a subvención e cumprir coa legalidade”.
A creación desta comunidade enerxética foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno do PP e a abstención da oposición, que se mostrou disconforme co procedemento elixido polo equipo de goberno.
Actualización de prezos
A ordenanza que actualiza os prezos públicos polos servizos socioculturais, deportivos e de conciliación quedou aprobada de xeito inicial cos votos a favor de PP e PSdeG e a abstención do BNG.
Agora estará a exposición pública durante 30 días, nos que se poderán presentar alegacións. Rois mantén os prezos destes servizos dende o ano 2012. O considerable incremento no número tanto de actividades ofertadas como de persoas usuarias xustifican estas actualización dos prezos, segundo recolle a propia normativa.
As escolas deportivas municipais, dirixidas ao alumnado matriculado entre 5º de educación infantil e 4º da ESO (de 4 a 18 anos no curso en vigor), inclúen as modalidades de atletismo, baile deportivo, baloncesto, judo, patinaxe artística, tenis, xadrez e ximnasia rítmica. Os prezos quedan establecidos en 70 euros o curso para unha sesión semanal (40 € se dura menos dunha hora) e 90 euros/curso se son dúas sesións semanais.
As actividades físico deportivas municipais, para persoas adultas, inclúen aeróbic, baile en parella, hipopresivos, ioga, pilates, zumba e ximnasia para maiores de 55 anos. Os prezos son de 70 euros/curso por unha sesión semanal (40€ se dura menos dunha hora) e 90 € por dúas sesións . Para baile en parella fíxanse 100 euros/curso (50 por persoa), e 60 € no caso de ximnasia para maiores de 55 anos.
Nas actividades socioculturais, o multiobradoiro de arte e creatividade custará 80 €/trimestre e asistir ao grupo de teatro Vacalouras 50 €/trimestre (tanto para menores como para persoas adultas). Para poboación infantil tamén se inclúe diversas actividades, con prezo por curso, como contacontos (50 €), Arrorois (60 €), informática-mecanografía (70 €) e cociña (70 €).
A ordenanza tamén inclúe os prezos dos servizos de conciliación tanto durante os períodos lectivos (amencer e ludoteca) como os non lectivos (Nadal, entroido, Semana Santa e verán); ademais das viaxes organizadas polo Concello e das entradas a espectáculos, obras de teatro, actuacións musicais e similares nos centros socioculturais.
En todos os casos contémplanse bonificacións dos prezos en funcións de diferentes criterios, como estar matriculados en máis dunha actividades en cada modalidade, que participen dous irmáns ou irmás, familias numerosas, monoparentais, monomarentais ou con algún membro con discapacidade recoñecida de máis do 33%.
A Xunta de Goberno Local queda facultada para modificar ou actualizar as contías ou as actividades que se oferten, e para establecer os prezos das viaxes organizadas polo Concello e o das entradas a espectáculos.
POS+ adicional
A Corporación tamén aprobou esta mañá destinar 214.505 euros do POS+ adicional a financiar gasto corrente e outros 165.392 euros serán para executar a obras incluídas no plan complementario.
Este punto foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno do PP e a abstención da oposición.